OBXECTIVOS

A FUNDACIÓN GALICIA VERDE é unha entidade sen ánimo de lucro que ten como principal obxectivo promover un desenvolvemento rural máis xusto e sustentable. Con esta finalidade, a F.G.V. creou en Leboso (Forcarei-Pontevedra) o seu primeiro centro baixo a denominación de:

CENTRO GALEGO DE MEDIO AMBIENTE, NOVAS TECNOLOXÍAS E DESENVOLVEMENTO RURAL
PARA A INVESTIGACIÓN, O ENSINO, A DIVULGACIÓN E A PROMOCIÓN DE EMPREGO


que pretende, entre outras cuestións:

Promover o cambio social no medio rural, dignificando a figura do agricultor, proporcionándolle as ferramentas necesarias para que o exercicio da súa profesión sexa máis eficiente e rendible, producindo alimentos máis sans (ecolóxicos) e que cheguen aos consumidores a un mellor prezo. 
Para conseguilo, estamos a investigar e traballar con eles proporcionándolles formación permanente, asesoramento técnico, recuperando e seleccionando para eles as mellores sementes, facilitándolles a utilización de maquinaria a prezos de mantemento, avalando a calidade da súa produción, colaborando na divulgación da misma e facilitándolles o contacto cos consumidores.

E todo, enmarcado dentro do concepto de SOBERANÍA ALIMENTARIA.

  • Potenciar a investigación e divulgación das enerxías libres, ao servizo do desenvolvemento social e como alternativa individualizada fronte ao actual monopolio enerxético.
  • Investigar e divulgar métodos de medicina preventiva como resposta á pastillización imposta polo vixente sistema sanitario-económico, unicamente paliativo.
  • Promover a concienciación social e a denuncia fronte ás gravísimas actuacións que destrúen o medio natural someténdoo a un falso desenvolvemento económico, á sobreexplotación irracional das materias primas, á destrución de hábitats, a unha contaminación salvaxe …, situacións todas nas que sempre prevalecen os intereses económicos fronte aos intereses sociais.
  • Promover novas formas de organización social, ao servizo do desenvolvemento persoal, nas que os individuos poidan crecer e desenrolarse como seres holísticos, responsables das súas propias decisións, dende a liberdade, e nun marco de colaboración, intercambio e solidariedade.