O PRIMEIRO PROXECTO DA FGV

 

PRESENTACIÓN HISTÓRICA

A FUNDACIÓN GALICIA VERDE está inscrita no Rexistro Único de Fundacións de Interese Galego, e foi clasificada como de interese benéfico-social por Orde da Consellería de Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública do 23 de outubro de 2002 (DOG do 29 de outubro) e declarada de interese galego por Orde da Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural do 11 de novembro (DOG do 2 de decembro).  Figura inscrita co número 2002/21.

 A FUNDACIÓN GALICIA VERDE é unha entidade sen ánimo de lucro, que ten como principal obxectivo o desenvolvemento rural sostible. Para tal fin, a F.G.V. ten o proxecto de crear en Galicia cinco centros baixo a denominación de:

 CENTROS GALEGOS DE  MEDIO AMBIENTE, NOVAS TECNOLOXÍAS E DESENVOLVEMENTO RURAL

PARA A INVESTIGACIÓN,  O ENSINO, A DIVULGACIÓN E A PROMOCIÓN DE EMPREGO.

A denominación destes centros fala claramente do seu compromiso coa sociedade e co desenvolvemento rural. A proposta de que sexan cinco ten como finalidade dispoñer de entidades adaptadas ás características propias de cada bisbarra, que actúen de catalizadoras e coordinadoras da actividade rural.

 

O primeiro destes centros, obxecto desde estudo, estará ubicado na parroquia de Leboso, no concello de Forcarei.

 

 OBXECTIVOS

 A auténtica razón de ser da F.G.V. é o medio rural, no que se centran tódalas súas actividades. A F.G.V. pretende actuar como dinamizadora da actividade agrícola, gandeira, forestal e turística das comarcas onde se  instale, cuns obxectivos moi claros:

 

  • Dignificar a imaxe pública das persoas dedicadas ao sector primario, por seren imprescindibles para esta sociedade. Hai que lle dar a volta á figura denostada do agricultor e situala no lugar que lle corresponde polo seu labor esencial. Nunha sociedade primordialmente tecnolóxica como na que nos toca vivir actualmente, o sector primario continúa a ser imprescindible, mesmo por razóns estratéxicas. Non ten ningunha explicación lóxica intentar reducir o número de xente que vive no rural e trasladala a zonas urbanas. Son modas, ou manipulacións, que se impuxeron e que están a demostrar a súa falta de razón. Cómpre, pois, devolverlles aos agricultores a súa dignidade e pagarlles o que é xusto polo seu traballo.

 

  • Fixar a poboación rural, facendoa atractiva para os máis novos. A principal razón para o abandono do rural é a económica, xa que no rural se paga moi pouco polos produtos agro-gandeiros, e dáse unha dependencia excesiva das subvencións ou cotas. As políticas de subvencións están a mostrar a súa ineficacia e corrupción, como queda plasmado no feito de que máis de 14 millóns de euros de axudas comunitarias se repartan tan só entre sete familias en todo o territorio español.

 

  • Converterse nun centro de formación e investigación permanente non só para a formación e reciclaxe dos profesionais, senón para recuperar e mellorar o noso patrimonio xenético autóctono. Dende a F.G.V. queremos dar asistencia permanente aos profesionais e trataremos de coordinalos. A formación asistencial permanente será unha das nosas prioridades. Para eles van ser as investigacións que levemos adiante dende a F.G.V.

 

  • Promover actividades turísticas no concello, a través da creación de rutas de sendeirismo que permitan coñecer a bisbarra, degustar os seus produtos ecolóxicos cando estean dispoñibles  e, sobre todo, crear unha gran actividade en torno aos cursos, charlas ou seminarios que a F.G.V. ten pensado organizar con regularidade.

 

 DESCRIPCIÓN DO CENTRO

O Centro de Leboso terá que cumprir unha serie de requisitos mínimos:       

 

O edificio

Ten que ser unha auténtica “escola viva” de Arquitectura e Construcción Sostibles. Un edificio autosuficiente térmica e eléctricamente, cun alto nivel de eficiencia e grandes medidas de aforro de enerxía. Será innovador nas técnicas e sistemas de calefacción, iluminación e depuración das aguas, que se farán “in situ” e se monitorizarán durante os primeros anos de vida a fin de estudalos e melloralos para poder exportar esta “tecnoloxía verde” a outros edificios ou colectivos.

Despois dos labores de “deconstrucción”, iniciaránse as obras de saneamento e drenaxe do conxunto, reutilizando os cascallos e materiais de derruba.

A rehabilitación cumprirá cos criterios da F.G.V. sobre a conservación dos materiais orixinais e unha integración adecuada dos sistemas enerxéticos (placas solares e colectores), respectando a Arquitectura Popular e os materiais tradicionais.

Cunha estructura tradicional de madeira tratada con insecticidas e aceites 100% naturais, o emprego de materiais nobres e ecolóxicos (corcho, xiz, madeira ou barro) e o deseño de instalacións biocompatibles, procederáse á rehabilitación deste edificio público nunhas condicións de confort térmico pouco habituais nese contorno, que supoñan, ao mesmo tempo, un aforro de enerxía e amosen unha xestión ecolóxica do consumo.

 

A horta

Está concebida como laboratorio e centro de produción e recuperación de sementes. Os bancais estánse instalando con criterios de Xeobiología e Permacultura, e serán un bo exemplo da xestión ecolóxica dos recursos. A rega, por exemplo,  realizaráse por medio de bandas humectantes e estará totalmente informatizada. Ademais, a horta terá que servir para a elaboración práctica das especificacións técnicas asociadas a cada semente,  que lles serán entregadas a quen as utilice.

Como parte integrante da horta incluiránse espazos húmidos para depuración das augas, e árbores de froita que introduzan e manteñan a diversidade biolóxica.

 

O equipamento das instalacións

O equipamento básico do Centro está pensado para o aforro, para a optimización dos recursos e para que cada elemento poida ser empregado en varias tarefas cun rendemento máximo. Os materiais (mobiliario, iluminación, elementos da produción enerxética ou da horta) escolleránse consonte criterios ecolóxicos: pola súa procedencia (preferiblemente local), pola súa composición (libre de tóxicos), pola vida útil e a  súa futura reutilización ou reciclaxe, etc., etc.

Tanto a electricidade coma o calor consumidos no edificio e as súas instalacións,  produciránse “in situ” mediante un sistema que combine enerxía solar pasiva (transformando, por exemplo, a radiación solar en calor acumulado baixo o chan do invernadoiro) con enerxía eólica, fotovoltaica e colectores térmicos, apoiados por unha moderna caldeira de biomasa deseñada a este fin, e que aproveite os residuos agrícolas e forestais procedentes da zona.

Tamén está previsto, para a calefacción e a auga quente sanitaria, un sistema que recupere a calor xerada polo compost e a incorpore aos depósitos de acumulación de auga quente.

O tratamento das augas residuais, tanto grises coma negras, terá lugar mediante sucesivos procesos anaeróbicos e aeróbicos, para finalizar nun humedal con plantas que permitirán a reutilización das augas para a rega das hortas.

 

A proba do carácter dinamizador do Centro, mesmo sen estar aínda en funcionamento, é que xa se conseguiu unha primeira industria de transformación vexetal así como a instalación dun observatorio astronómico que está baixo estudo por parte de diversas asociacións de afeccionados da provincia e do Departamento de Astrofísica da Universidade de Vigo.  Isto vai supoñer un magnífico complemento das actividades que se desenvolvan no Centro, tanto con adultos coma con escolares de toda Galicia.

A pesar de estar aínda nunha fase inicial, xa se impartiron dende a Fundación tres cursos relacionados coas nosas actividades. Cómpre destacar o gran éxito de asistencia a todos eles, un dos cales, centrado na agricultura ecolóxica, foi patrocinado por Extensión Agraria, da Consellería do Rural.

 

As diferentes etapas de posta en marcha do Centro iránse producindo sen rupturas na súa continuidade. As distintas fases están máis sobre o papel que na propia realidade.

 

O CENTRO E O CONTORNO

Nos arredores da antiga escola de Leboso estáse traballando na implantación dun novo contorno, contando coa colaboración de  profesionais da Universidade de Santiago de Compostela. Este será o lugar de traballo preferente dos asistentes ao obradoiro de emprego (ou escola obradoiro) xa que, utilizando técnicas de Permacultura, aprenderán o deseño dunha explotación e a súa realización práctica.

Esta nova paisaxe  inclúe cinco áreas diferenciadas sinaladas con distintas cores.

Área laranxa: Situada na cara Sur e baixo árbores, é a zona ideal para a preparación do compost.

Área amarela: Abrigada do vento do norte e con lixeira inclinación cara ao Sur, é a zona de cultivo en bancal.

Área verde clara: Pola súa situación relativa ao edificio e aos servicios, estará dedicada a instalacións de gandería (galiñas e ovellas).

Área azul: Representa a situación das lagoas e cascadas para a depuración das augas residuais.

Área verde escura: Está habilitada como reserva de biodiversidade e como cortaventos. Esta área, que está sendo deseñada por botánicos da Universidade de Santiago, contén plantas maioritariamente autóctonas.

 

A ESCOLA DE LEBOSO

              Escola “Rosalía de Castro” de Quintillán

A sociedade dos emigrantes da Terra de Montes na Arxentina, denominada  Residentes del Ayuntamiento de Forcarey en El Plata Pro Cultura y Protección, fundouse o 22 de outubro de 19221 como resultado “del entrañable amor a la tierra natal y el anhelo de ver desterrado de Galicia ese resto de vergüenza que se llama analfabetismo”. Con ese fin a Sociedade axudou a erguer un edificio escolar no lugar de Leboso, parroquia de Quintillán. A primeira pedra colocouse o 4 de setembro de 1927, inaugurándose un ano despois. Permanece abandonada desde finais dos anos sesenta, e presenta un estado deplorable debido a dita situación.

 A escola “Rosalía de Castro” tamén contou coa axuda dos veciños, “que con una generosidad digna de elogio ofrecen el terreno necesario para el edificio en el sitio que la comisión cree conveniente y el acarreo de todos los materiales en la construcción, así como muchas maderas, todo completamente gratis”. A Sociedade convidou ao párroco de Leboso a bendecir a primeira pedra, e nomeou socio honorario ao que naquela altura era alcalde de Forcarei, “de origen dictatorial delegado de Primo de Rivera”[1], o que lle valeu as críticas da Federación de Sociedades Gallegas, Agrarias y Culturales en xaneiro de 1929 e a súa posterior retirada da mencionada Federación.

A Sociedade editou en 1923 unha publicación mensual coa cabeceira Umia y Lérez. Órgano de la Sociedad Residentes del Ayuntamiento de Forcarey en El Plata Pro Cultura y Protección, que foi dirixida por Pedro Campos Couceiro e Manuel Pichel.

Durante moitos anos foi a mellor escola da bisbarra,  e nela cursaron estudos tódalas persoas de idade que actualmente viven na Parroquia de Leboso.

Dende hai  anos, con motivo das concentracións escolares e da emigración masiva ás cidades da xente do rural na procura de traballo, Leboso e os seus arredores quedaron sen cativos. A escola foi abandonada e permaneceu pechada durante anos. É probable que puidera aguantar o abandono, pero unha mala restauración da cuberta fixo que ésta se derrubase e que o edificio entrase en fase de ruína.

Cando o Concello de Forcarei nos fixo cesión da Escola, atopámola medio oculta entre a maleza e practicamente nun punto de non retorno, a piques de derrubarse definitivamente por efecto dunha climatoloxía adversa. Dende o primeiro momento chamounos poderosamente a atención a planta nobre desta escola, que sería necesario rehabilitar. No interior, e aínda que moi deteriorados polo abandono,  atopamos restos do que fora, no seu momento, a vivenda do mestre. Gustounos o lugar, e decidimos construír alí o primeiro dos centros previstos pola F.G.V.

Dado que a F.G.V. é unha entidade sen ánimo de lucro, e que carece, polo tanto,  de medios económicos, decidimos afrontar tan ardua tarefa contando coa colaboración de voluntarios do antigo programa SENDA VERDE da Televisión de Galicia.

O primeiro obxectivo estaba claro: impedir a derruba do edificio para, posteriormente, proceder á súa rehabilitación e adecuación aos obxectivos previstos pola F.G.V. Dende sempre contamos tamén coa compracencia dos habitantes de Leboso. Como punto de partida, non estaba nada mal.

 

 OS OBXECTIVOS DA RESTAURACIÓN:

 A restauración da antiga escola de Leboso debe cubrir diversas necesidades, sempre respectando a estructura  xeral do edificio, así coma os materiais da zona.

1º -  Reparación da cuberta do edificio para evitar a súa perda. En principio, é no que se está a traballar, para frear o seu deterioro antes de acometer o resto da restauración. Esta parécenos unha actuación prioritara.

2º - Reconstrución do resto do edificio para adecualo ás novas funcionalidades, actuando con dúas medidas correctoras:

  • Rebaixando a altura de cada piso, de xeito que se gaña habitabilidade no andar superior, o que dará lugar a dispoñer de baixo e dúas plantas en lugar de unha única planta e trasteiro.
  • Integración dunha galería na planta baixa que cubra as caras norte, sur e oeste. Este aumento de espazo é necesario, entre outras razóns, para incrementar a capacidade do edificio e albergar maquinaria, tendas, cociña, etc. Está pensado para que se integre perfectamente no conxunto e non rompa a súa harmonía. Será realizado en madeira, para non afectar á estructura do edificio.

 3º -  O edificio restaurado ten que ser un exemplo de sostenibilidade, mesmo enerxética. O obxectivo final é ser autosuficientes, tanto na produción de enerxía coma no tratamento e reciclaxe de residuos, incluindo as augas residuais que, unha vez depuradas, serán reutilizadas para a rega. Haberá, polo tanto, unha serie de actuacións nesta dirección, que comentaremos máis adiante.

 4º - Centro de reunións.- Interésanos moito que a antiga escola de Leboso siga a ser un referente na comarca, polo que pensamos habilitar un local na planta inferior para que os veciños poidan celebrar xuntanzas e dispoñan de material informativo (libros, revistas, vídeos, etc.).

 O edificio, unha vez restaurado, complementaráse con diversas construcións secundarias, entre as que destacamos, pola súa importancia, un galiñeiro ecolóxico, un secadoiro solar e un invernadoiro de alta montaña.

 

O CENTRO E O CONTORNO

 Nos arredores da antiga escola de Leboso estáse traballando na implantación dun novo contorno, contando coa colaboración de  profesionais da Universidade de Santiago de Compostela. Este será o lugar de traballo preferente dos asistentes ao obradoiro de emprego (ou escola obradoiro) xa que, utilizando técnicas de Permacultura, aprenderán o deseño dunha explotación e a súa realización práctica.

Esta nova paisaxe  inclúe cinco áreas diferenciadas sinaladas con distintas cores.

Área laranxa: Situada na cara Sur e baixo árbores, é a zona ideal para a preparación do compost.

Área amarela: Abrigada do vento do norte e con lixeira inclinación cara ao Sur, é a zona de cultivo en bancal.

Área verde clara: Pola súa situación relativa ao edificio e aos servicios, estará dedicada a instalacións de gandería (galiñas e ovellas).

Área azul: Representa a situación das lagoas e cascadas para a depuración das augas residuais.

Área verde escura: Está habilitada como reserva de biodiversidade e como cortaventos. Esta área, que está sendo deseñada por botánicos da Universidade de Santiago, contén plantas maioritariamente autóctonas.

 

PLANOS DA RESTAURACIÓN

Nas seguintes páxinas poderemos ver un anteproxecto que recolle as intencións da F.G.V..

Alzado principal, que conserva o deseño orixinal da fachada construída en 1938 coas aportacións dos veciños de Leboso que emigraron ao Mar da Prata, na Arxentina. Obsérvase a galería acristalada engadida na parte inferior, para gañar espazo.

Alzado lateral, no que se observa a galería acristalada para a captación de calor, destinada a secadoiro solar e á climatización do edificio.

Alzado posterior ao que se engade, na planta baixa, unha zona cuberta destinada a albergar aperos de labranza e maquinaria.

 

Fachada lateral cun anexo en planta baixa destinado a zona de traballo e servizo. Aquí instalaránse as cociñas e outras áreas de servizo.

No interior do edificio, a planta baixa está destinada ao estudo, cunha zona de aulas para a realización de cursos,  unha biblioteca e unha serie de anexos que rodean o edificio (excepto na fachada este) e que serven, ademais de para climatizar o edificio, como zonas de traballo e almacenaxe.

Na planta primeira alóxase a administración do Centro, ademais dunha serie de laboratorios de análise.

A finalidade desta planta será a de almacén-arquivo, ou posible zona de aloxamento (para o futuro  coidador do Centro).

Na sección observamos os distintos niveis da edificación, ademais das galerías laterais que serven de climatizadores do edificio, e zonas de traballo.

Sección lonxitudinal do edificio, na que se aprecian as distintas alturas das estructuras. Como consecuencia da baixada dos pisos, dispoñeránse tragaluces no piso superior.

Contorno exterior do Centro, cun piñeiral á dereita (Norte), así como castiñeiros, carballos e zona de cultivos á esquerda (Sur). O centro, coa incorporación da galería, mantén unha perfecta harmonía que, ademais, queda resaltada pola utilización de madeiras nobres.

 

POSTA EN MARCHA:

A posta en marcha do Centro de Leboso debe concentrar os primeiros esforzos na posta en funcionamento do edificio (e na creación das infraestruturas), como sede-referencia de todo o Proxecto.

Independentemente do labor que ata o de agora se veu realizando, con pequenas aportacións do Concello de Forcarei e a participación de voluntariado, está claro que debemos emprender novas accións que permitan acelerar este proceso e poñer en marcha o Centro a pleno rendemento.

Á marxe do financiamento das obras, que é un obxectivo prioritario, debemos prever as seguintes medidas de apoio:

 

CREACIÓN DE OBRADOIROS DE EMPREGO 

A posta en marcha de diversos obradoiros de emprego ten unha dobre intencionalidade:

  • Preparar o persoal que no futuro se vaia integrar no proxecto de desenvolvemento sostible que estamos a iniciar na comarca.
  • Apoiar esta preparación participando na realización da obra. Esta medida terá a vantaxe engadida de que os alumnos aprenderán o funcionamento de tódolos procesos de sostenibilidade dende dentro, participando na súa creación.

Nesta fase do proxecto, estimamos necesarios dous obradoiros de emprego:

  1. agricultura ecolóxica
  2. froiteiro-forestal
  3. e un curso simultáneo sobre gandería.

Agricultura ecolóxica, orientada á producción cerealista e hortícola, na media montaña, como base para outro tipo de actividades: produción fresca, industrias de transformación, etc. Neste apartado inclúese o invernadoiro de montaña que está en fase de estudo por parte da F.G.V.

Froiteiro-Forestal, orientado á posta en marcha dun plan forestal integral, con participación de capital privado a través do apadriñamento de árbores e que inclúa a explotación de todo tipo de recursos: cogomelos, froitos silvestres, matogueira, compost e madeiras nobres (co obxectivo futuro de vender madeira certificada).

Curso de gandería, para canalizar a reconversión das ganderías da zona de cara a unha produción ecolóxica. Ata o presente foron varios os gandeiros que nos manifestaron o seu desexo de reconvertirse a ecolóxicos sempre que se lles dea apoio para facelo. Este consistiría, por unha banda, en achegarlles información e asesoramento, o que se conseguiría en primeira instancia con este curso e, posteriormente, mediante asistencia por parte dos técnicos da F.G.V.; por outra banda, proporcionaríaselles unha alternativa á utilización de puríns. Esta alternativa podería pasar, nun primeiro momento, por un tratamento dos puríns, e máis adiante pola súa substitución por un compost específico.

A idea da F.G.V., e que preside tódalas nosas actuacións, é a de prestar unha atención preferente á preparación do persoal, xa que desexamos crear postos de traballo especialmente para a xente nova, o que pasa por unha completa preparación teórico-práctica: non queremos escolas de parados.

Os módulos que se impartan nas escolas-obradoiro deben ser novedosos e adaptados á realidade da comarca de Forcarei, atendendo tamén á formación integral do alumno. Neste sentido estimamos oportuno que tódolos módulos dispoñan de áreas comúns en materias tan importantes no rural como poden ser: economía rural, loita contra incendios, diversidade biolóxica e informática.

Dado que o proceso de construción da horta xa está en marcha, coa recuperación de trece variedades de pataca, seis de tomate, catro de acelga e a introdución do cultivo do alforfón, é necesario, para o seu mantemento, contratar a unha persoa especializada en agricultura ecolóxica que poida vivir no propio edificio. Asemade, esta persoa deberá actuar como asesor para solucionar os problemas cotiáns dos agricultores.

 

FUNCIÓNS DO CENTRO

Unha vez rematado o Centro, e concluidas as escolas-taller,  aquel deberá estar en condicións de actuar como dinamizador de tódalas actividades comarcais que teñan algo que ver coa agricultura ecolóxica, a bioconstrución, o forestal, as enerxías alternativas, o turismo e o apoio á creación de empresas verdes.

Para cumprir esta importante función, e mentres non sexa sostible por si mesmo, deberá contar cunha dotación económica para a contratación de persoal técnico.

Una vez cubertos estes requisitos, o Centro estará en condicións de realizar o triple labor  de:

investigación

formación

divulgación

Neste triple labor haberánse de incorporar novas tecnoloxías a fin de potenciar o desenvolvemento rural sostible e a creación de emprego. Se nun primeiro momento se potenciase a investigación científica - co obxecto de recuperar e mellorar o patrimonio xenético galego (flora e fauna) - despois vanse precisar instrumentos de divulgación e difusión para que aqueles coñecementos cheguen aos profesionais do sector e aos consumidores. 

 

Divulgación e formación:

Irá dirixida, ademais de aos profesionais, ao público en xeral, coa intención de  divulgar o que estamos facendo.  Utilizaremos basicamente os seguintes medios:

  • Publicacións.- Ten que ser un dos puntos fortes da divulgación e contemplará a publicación de especificacións técnicas das sementes que vaiamos recuperando, así como a edición de libros e  vídeos formativos.
  • Charlas e seminarios que permitan dar a coñecer a experiencia e enriquecela con outras achegas.
  • Realización permanente de cursos de formación e perfeccionamento, tanto para profesionais coma para persoas interesadas en actividades familiares.
  • Organización de feiras de produtos ecolóxicos que faciliten a degustación e venda das producións.
  • Venda de sementes ecolóxicas que, unha vez recuperadas polo Centro, sexan cultivadas polos agricultores.
  • Ampliación da páxina web da F.G.V. incluindo cursos on line e información de interese tanto para productores como para consumidores. Neste campo, a F.G.V. está patrocinando a creación dunha páxina web (fundaciongaliciaverde.org) que esperamos sexa un referente para todo o movemento ecolóxico na nosa Comunidade Autónoma: catálogo de sementes, produtores, asociacións de consumidores, tratamentos biolóxicos, ....
  • O Centro contará cun servizo de documentación propio a disposición de profesionais, consumidores ou das Administracións (publicacións, folletos, fichas, vídeos, CD´s, DVD´s, etc.).
  • O Centro de Leboso será tamén o punto de inicio e a meta dunha serie de novas rutas de sendeirismo con información ecolóxica inédita, que a F.G.V. está empezando a definir para esta zona.
  • Finalmente, o propio edificio deberá ser un libro aberto sobre aproveitamenteo enerxético, tratamento de augas, novas tecnoloxías, etc.

 

MÁIS SOBRE O CENTRO DE LEBOSO

O Centro nace coa vocación de converterse en punto de referencia imprescindible, xa que a investigación, a formación e a divulgación se prolongarán de xeito indefinido, asesorando e promovendo a formación profesional permanente.

Este Centro pretende ser tamén unha experiencia piloto para ser utilizada noutras zonas, previa adaptación ás características intrínsecas de cada bisbarra. Dende este punto de vista, podería servir para formar as persoas destinadas a xestionar estes outros centros, permitíndolles o contacto con problemas reais.

Non esquezamos o nome deste centro:

“Centro Galego de Medio Ambiente, Novas Tecnoloxías e Desenvolvemento Rural

para a Investigación, o Ensino, a Divulgación e a Promoción de Emprego”

O Centro de LEBOSO, gracias á política de achegamento á poboación que vimos levando dende o principio, conta co apoio incondicional da totalidade dos veciños,  que nos están permitindo actuar sobre terreos colindantes da súa propiedade. Este centro, situado a 640 metros de altitude, vainos permitir estudar un dos proxectos de investigación máis interesantes e que consideramos digno de mención polas súas enormes posibilidades de futuro: o desenvolvemento de invernadoiros de alta montaña, de inspiración himalaia e peruana.

Unha vez en funcionamento, o Centro de Leboso terá que actuar como dinamizador económico da bisbarra, dando asistencia aos profesionais, ás  Administracións e a outros colectivos sociais para a creación de postos de traballo e novas liñas de produción e distribución, acordes cos criterios aprobados pola UE para o Desenvolvemento Sostible e o futuro da nosa Comunidade.

Ademais, o Centro servirá de apoio imprescindible ao Concello de Forcarei na implantación da Axenda 21 Local, que se está intentando impulsar co asesoramento da FUNDACIÓN GALICIA VERDE.

Unha das funcións do Centro, na área de  investigación, é procurar  novas vías de explotación ecolóxicas. Dende alí, e co obxecto de melloralas, analizaránse e revisaránse  as técnicas habituais de: compostaxe, rotacións e asociacións, melloras na planificación de cultivos, optimización dos recursos enerxéticos, introdución de novas técnicas de cultivo, así como a incorporación de “Novas Tecnoloxías”, especialmente destinadas a  reducir a contaminación, minimizar o impacto medioambiental, tratar os residuos e utilizar Enerxías Renovables, e tamén para potenciar modelos e materiais  sostibles e autóctonos, que impulsen a Bioconstrución en Galicia.

As futuras áreas de traballo  deste Centro serán:

  • Gandería Ecolóxica
  • Agricultura Biolóxica de media montaña
  • Desenvolvemento sostible
  • Bioconstrución e Enerxías Renovables
  • Permacultura
  • Industrias de transformación
  • Turismo
  • Selvicultura integral
  • Invernadoiros de alta montaña

 

 Área de investigación:

Levaráse a cabo nas instalacións do Centro (bancais e invernadoiros experimentais) e nos laboratorios do edificio, e nalgún outro centro concertado para programas concretos, normalmente en colaboración coa Universidade.

A investigación máis inmediata, xa iniciada, consistiría na recollida de sementes autóctonas para a súa mellora e reprodución, co obxectivo de entregalas de novo aos agricultores. Como complemento desta actividade, a F.G.V. ten previsto  establecer e manter contacto con asociaicións agrarias que traballan con esta orientación por todo o mundo, para proceder ao intercambio de sementes. Como exemplo do que isto pode representar, comentar que este ano fixemos unha pequena plantación de alforfón cun extraordinario resultado. Estas sementes proceden dun centro de campesiñas da rexión de Phokara, no Nepal, que traballan na recuperación de sementes tradicionais.  Os intercambios de sementes, se son debidamente controlados, poden enriquecer a diversidade da produción con especies resistentes ou innovadoras que aporten novos recursos (especialmente tendo en conta o cambio climático). No caso concreto do alforfón, unha semente panificable (moi utilizada en Asia), coidamos que é interesante porque o seu grao non contén glute, e leva gran cantidade de proteína. Este produto estáse vendendo en España a prezos moi elevados, e pode constituir un bo  investimento para os agricultores,  previa adaptación.

Outra liña de interese, moi innovadora e con grandes perspectivas de futuro, é a investigación, desenvolvemento e posta en marcha de invernadoiros de alta montaña, que abrirían novas expectativas para a Agricultura en Galicia, onde os terreos agrícolas tradicionais están sendo invadidos por construcións. Este tipo de invernadoiro sería utilizable en calquera zona de montaña con poucos recursos agrícolas (Courel, Ancares, etc.). Está inspirado en modelos adoptados por outros pobos, como no altiplano do Perú ou nos Himalaias. Con estes datos e os resultados destas investigacións, desenvolveremos un modelo que se poida extrapolar a outras comarcas da nosa Comunidade.

A área do edificio destinada a investigación estará dotada de laboratorios de Botánica, Xenética, Novos Materiais e Tecnoloxías Solares. Estarán situados na primeira planta e na galería da planta baixa. Contará, ademais, con  invernadoiros para o secado e preparación das sementes, cámara de frío, almacéns, servizo de documentación e outros.

Algunhas áreas de investigación serán desenvolvidas en colaboración coa Universidade, a través da creación de bolsas de estudo.

Neste momento temos asinado un convenio marco coa U.S.C. para a posta en marcha de varios proxectos de investigación cos seus Departamentos de Edafoloxía, Botánica e Bioloxía.

 

Estes proxectos contemplan:

Análise de terras,

polo método Hérody.  Con este proxecto pretendemos dotar aos agricultores e gandeiros cunha ferramenta de traballo que lles permita determinar, case instantaneamente, o estado do seu terreo e as emendas que precisa.

Tratamento de augas residuais en humedais,

En principio o proxecto resolverá o noso problema de augas residuais pero, unha vez probado e posto en marcha, será divulgado para a súa implantación xeneralizada. Entre as súas finalidades está a de poñer a punto un sistema de depuración sinxelo, económico e sen apenas mantemento.

Viveiros de árbores nobres,

terá por obxecto a recuperación de especies autóctonas e a creación dun viveiro que sirva para abastecer os proxectos de explotación forestal integral. Incluirá matogueira (amora, frambuesa), cogomelos e árbores coma o acibro, o toxo, etc.

Loita biolóxica,

Trátase de coñecer as claves para equilibrar o medio agrícola e minimizar os tratamentos contra as pragas, aínda que sexan ecolóxicos. Do que se trata basicamente é de estudar as pragas e ver cales son os seus depredadores. A partir de aí, crearemos as condicións idóneas para dispoñer deles preto dos cultivos:  setos, plantas que lles gustan, cortaventos, etc.

Recuperación do patrimonio xenético,     

Trátase de recuperar as especies que durante anos foron cultivadas na comarca e que, como consecuencia, están perfectamente adaptadas ás condicións da mesma. Nunha segunda fase trataráse de reproducilas e melloralas.

 

1 – AVALIACIÓN DO MÉTODO HERODY DE DIASGÓSTICO DE FERTILIDADE DO SOLO PARA AS CONDICIÓNS AGROLÓXICAS DE GALICIA E A SÚA APLICACIÓN EN AGRICULTURA BIOLÓXICA.

 Introdución

O solo é o resultado da interacción da  materia mineral, da materia orgánica, o aire, a auga e os organismos vivos. É, polo tanto, un sistema extraordinariamente complexo e dinámico, no que todos estes compoñentes interactúan e evolucionan ao longo do tempo. O diagnóstico da fertilidade do solo non pode basearse unicamente na análise puntual de certas propiedades químicas, senón máis ben nun conxunto de propiedades químicas, físicas e biolóxicas, que nos dan idea da súa calidade global, que valora a capacidade do solo para cumprir coas súas principais funcións, relacionadas coa produción sustentable, a calidade ambiental e a saúde humana e animal.

Os sistemas de produción da agricultura biolóxica baséanse neste concepto de solo como ente dinámico e vivo, no que se pretende manter ou incrementar a calidade procurando manter o equilibrio do sistema, evitando os produtos químicos de síntese e empregando no posible os subprodutos da propia explotación. Neste contexto, o coñecemento do solo polo agricultor é esencial, a fin de proporcionarlle as emendas e labores nos momentos oportunos. Para iso, o agricultor debe dispoñer dunha ferramenta sinxela para o diagnóstico do solo. Yves Hérody, xeólogo consultor da ONU, desenvolveu un método de caracterización e análise do solo, baseado en observacións de campo e técnicas sinxelas que poden ser empregadas polos propios agricultores. Este método foi recomendado pola FAO para a súa implantación en países en vías de desenvolvemento, nos que é difícil o acceso a laboratorios especializados, pero pode ser tamén de gran utilidade para  llevar a cabo a evaluación continuada do estado do solo polo agricultor biolóxico.

Obxectivos

Este traballo tén por obxectivo comparar o diagnóstico de calidade de solo obtido mediante o método Hérody  e mediante a análise do solo convencional, a fin de avaliar a implantación deste tipo de análise sinxela no marco da agricultura biolóxica en Galicia.

Plan de traballo

Levaráse a cabo o estudo de campo de 30 perfís do solo, desenvolvidos sobre os principais tipos de rochas de Galicia (granitos, esquistos, rochas básicas, sedimentos, calizas),  e baixo diferentes condicións climáticas, comparando en cada sitio as características de solos de cultivo e de prado contiguos. Tomaránse  mostras de solo que serán analizadas mediante os métodos tradicionais de análise de solos e mediante a metodoloxía alternativa proposta por Hérody. Compararánse  os diagnósticos obtidos, a fin de establecer se o método de Hérody supón unha alternativa científicamente probada para realizar diagnósticos de fertilidade e  establecer as medidas de corrección oportunas, nas condicións de Galicia.

Este proxecto podería ter continuación nun segundo ano, que non se considerou neste proxecto inicial, e as correccións e emendas (calizas, materia orgánica) estimadas en función do método Hérody sobre a calidade do solo, a fin de comprobar se as recomendacións derivadas da aplicación deste método, en canto a materiais, doses e tempos de aplicación, producen os efectos previstos nos niveis de materia orgánica, de nutrintes dispoñibles e de actividade biolóxica do solo.

Traballo

Preparación de equipos de campo para distribuir entre os agricultores asistentes ao curso.

Neste curso se farán mostraxes, fotografías e gravacións para dispoñer dun material de consulta no Centro de Leboso e no que se poidan contemplar tódalas variantes posibles. Servirá tamén para a formación dun profesional para o Centro.

 

 2 - AVALIACIÓN DE ESPECIES AUTÓCTONAS COMO DEPURADORAS DE AUGAS RESIDUAIS NO MEDIO RURAL

A utilización de humedais en depuración de augas no medio rural é un dos sistemas máis recomendables como complemento das fosas sépticas, sobre todo cando se quere dispor de estructuras  de baixos custos de instalación e de mantemento. As especies utilizadas a cotío nestes sistemas pertencen aos xéneros phragmites juncus,calta, etc. que se procuran nas zonas húmidas do contorno. E aínda que existe experiecia abonda noutros países sobre os procedementos de enraizamento e mantemento destas comunidades vexetais como sistemas depuradores, en Galicia son mínimos este tipo de coñecementos. Por todo iso este proxecto se orienta cara á avaliación destes tratamentos.

Plan de traballo

Instalación dun sistema de tratamento de augas residuais domésticas para unha poboación equivalente de 5 he. Constará dunha fosa séptica construída en formigón con saída a tres instalacións de humedais de idénticas dimensións. En cada un deles instalaráse unha vexetación diferente con exemplares propios das condicións ambientais de Galicia. Nunha primeira fase serán sometidos os rizomas a diferentes tratamentos de xerminación e, nunha segunda, serán implantados no leito areoso sobre o que se desenrolarán con sistemas de mantemento de baixo custo. O seguimento do proceso deberá alongarse, cando menos, durante dous anos, nos que se avaliarán a eficacia depuradora do sistema, o desenrolo do humedal e os custos de mantemento e instalación que se xeneren.

  

3 -  “PRAGAS DE INSECTOS, CARACOIS E BABOSAS EN CULTIVOS AGRÍCOLAS DE GALICIA. A SÚA  NATUREZA E IMPORTANCIA ECONÓMICA”

 Resumo:

As pragas de insectos, caracois e babosas causan in­calculables perdas na agricultura e gandería. Na agricultura poden chegar a representar, nalgúns casos,  o 40% da super­ficie cultivada.

Con gran frecuencia utilizáronse solucións a través de me­dios que acaban creando máis pro­blemas, coma o uso in­discriminado de molusquicidas ou insecticidas químicos (metalde­hído, car­bamatos, arseniatos), que, por non seren biodegradables, viaxan a tra­vés das cadeas alimenta­rias e afectan a moitas outras formas de vida.

Con este Proxecto queremos consolidar unha liña de investigación baseada no control biolóxico de pragas de insectos, caracois e babosas por medio de depredadores específicos. Pero antes de controlar as pragas de insectos, caracois e babosas, teremos que coñecer cómo viven estes axentes causantes para podermos  manipular posteriormente o seu ciclo biolóxico e controlar así os seus danos.

A este fin vaise proceder a estudar o seu hábitat, ciclo biolóxico, etoloxía, factores ambientais que inflúen na súa actividade, os seus depredadores naturais, etc., etc., tanto en cultivos hortícolas coma froiteiros, ce­reais, prados naturais e artificiais. Estudaremos cada especie potencialmente perigosa e averiguaremos cómo controlala a través do coñecemento do seu comportamento e necesidades.

Secundariamente obteremos a base científica para coñecer cando e como hai que aplicar os tratamentos biolóxicos existentes no mercado, e autorizados pola normativa da U.E. para producións biolóxicas.

Antecedentes do tema

Os insectos posúen unha gran plasticidade na longa serie de modificacións morfolóxicas e adaptacións fisiolóxicas, que no curso do tempo lles permitiron colonizar hábitats moi variados. De modo que compiten co home tanto polos seus recursos alimenticios como polos seus bens materiais, xa que os biótopos primitivos foron modificados polo home. As prácticas agrícolas alteraron os factores físicos (luminosidade, humidade, evaporación, temperatura, etc.) que xogan un papel importante no comportamento dos insectos.

Neste medio modificado polo home, os insectos adaptáronse aos cultivos e constitúen o que se chama “insectos daniños” para a agricultura. A planta cultivada, multiplicada e propagada polo home sobre grandes superficies, condiciona, a miúdo,  a extensión da área xeográfica de repartición de tales insectos. Estes cambios de hábitat, baixo a influenza de novos climas, entraña cambios de costumes e conductas alimenticias.

Os caracois e babosas son unha importante praga na maior parte dos cultivos agrícolas e hortícolas de Galicia e Europa, que na actualidade ten unha ampla distribución, e sospéitase que a súa área de dispersión se vai incre­mentar no futuro, sobre todo nos cultivos de cereais, soia, xirasol, millo e patacas. Recentes investigacións demostran que as pragas de babosas e caracois son unha das máis molestas e daniñas nos cultivos agrícolas e hortícolas. En todo cultivo agrícola hai uns fenómenos que lles son beneficiosos, tales como a reducida superficie que se destina a cada cultivo, a incorporación aos cultivos de residuos agrícolas e o fenómeno da rotación de cultivos. Todo isto ten un efecto beneficioso sobre as enfermidades das plantas e sobre as pragas de insectos; pero, como contrapartida, con estas pautas de cultivo prodúcese un amplo incremento nas poboacións das babosas e caracois, é coma unha explosión das poboacións.

Na meirande parte dos cultivos é importante para o agricultor ou hortelán tomar medidas contra os insectos, babosas e caracois antes de que o dano se faga visible,  xa que sería demasiado tarde e pouco efectivo emprender unha acción contra estas pragas unha vez que o dano está á vista. O máis interesante de todo isto é a necesidade dun sistema fiable de predición que nos informe onde e cando é probable que os insectos, babosas e caracois vaian crear un dano económico, vaian  cons­tituir unha praga. Tal sistema permitiría aos agricultores e horticultores ser máis precisos na  toma de medidas contra os insectos, babosas e caracois, e desta forma reduciríanse os custos e permitiría ao agricultor centrar a súa atención nos cultivos con alto risco de praga. Para controlar de forma segura estas pragas, non se poden utilizar insecticidas e molusquicidas químicos; hai que recorrer ao control integrado das especies-praga, é dicir, combinando o tipo de cultivo (uso de variedades resistentes, datas de sembra, etc.) e aproveitando o beneficioso papel dos ini­migos naturais dos insectos, babosas e caracois. Todo isto haino que orientar aos intereses particulares do agricultor, e, en casos extremos, non hai que esquecer o emprego de insecticidas e molusquicidas naturais. O uso masivo que actualmente se está realizando de productos químicos contra os insectos, babosas e caracois constitúe un gran perigo contra o medio ambiente, xa que atacan a animais aos que non están destina­dos e que, por outro lado, son beneficiosos para a agricultura, como é o caso dalgúns anfibios, mamíferos, aves e outros insectos, lombrices e algúns nematodos.

Actualmente existe falta de  información sobre os seguientes puntos:

1.- Coñecemento das distintas prácticas de control ecolóxico das pragas de insectos, babosas e caracois nas distintas rexións de Europa. En moitos países utilízanse prácticas cun impacto ambiental a miúdo pobremente coñecido.

2.- É descoñecido o papel que xogan os inimigos naturais no control das poboacións de insectos e moluscos terrestres.

3.- Para algúns cultivos, p. ex. patacas, coñécese algo sobre os seus mecanismos de resistencia, pero na maior parte dos cultivos falta información.

4.- Descoñécese por completo o ciclo biolóxico das babosas e caracois que constitúen pragas, e tampouco se coñece a respostas destas aos cambios do seu biotopo natural.

En Galicia non se coñecen nin as especies nin as perdas que causan na agricultura as pragas de babosas e caracois. Os millóns de pesetas gastados en Galicia en insecticidas e molusquicidas nos últimos cinco anos están recollidos na seguinte táboa: (Datos tomados de AEPLA-1996)

 

 

1990

1991

1992

1993

1994

1995

Insecticidas

550

450

365

250

293

230

Molusquicidas

78

101

96

134

135

145

 BIBLIOGRAFÍA MÁIS RELEVANTE

CASTILLEJO, J.; SEIJAS, I. and  VILLOCH, F. (1996). Slug and snail pests in spanish crops and their economical importance. BCPC Symposium Proceedings NO. 66: Slug & Snail pests in agriculture.
É unha recopilación bibliográfica das especies e caracois que son pragas nos cultivos agrícolas de España, así como un estudo dos gastos anuais de molusquicidas por Comunidade Autonómica.

COOK, A. (1983).- Feeding by the carnivorous Snail Eu­glena ro­sacea Férussac. J. Moll. Stud. suppt. 12A, 32-35.
É un estudo semellante ao de Rondelaud, pero con outra especie. Traballo moi in­teresante pola metodoloxía empregada para o deseño do mesmo.

DOMÍNGUEZ GARCÍA-TEJERO, F. (1961). Plagas y enfermedades de las plantas cultivadas. Editorial Dossat, 2ª edición. 930 pp.
É un dos primeiros estudos que se fan en Epaña sobre as pragas de insectos na agricultura. O autor fai unha distribución das diferentes especies praga en función do cultivo ao que atacan.

GODAN, D. (1983) .- Pest Slugs and Snails, Biology and con­trol. Ed. Springer, Berlín, 445 pp.
Neste libro recóllense as investigacións actuais sobre o control de pra­gas de babosas e caracois e as evaluacións actuais das perdas causa­das. Son im­portantes os capítu­los dedicados á identifica­ción espe­cífica, anato­mía, fisioloxía e bioloxía dos gasterópodos terrestres de Alemania.

HOMMAY, G. y LAVANCEAU, P. (1986).- Les différentes espéces de limaces présen­tes en grandes cultures. Phytama, II; 19-22.
Os autores fan un estudo das babosas máis prexu­diciais nos cultivos hortícolas de Francia e sinalan os medios para combatilas.

HOMMAY, G and BRIARD, P. (1989).- Apport du piegeage dans le suivi des peuple­ment de limaces en grande culture. Haliotis, 18: 55-74.
É un traballo que indica cómo se pode determinar a densidade de babosas en cultivos moi ex­tensos. Analiza os distintos métodos. Este traballo haino que ter  en conta á hora de facer es­tudos de estimación de poboacións.

METCALF, C. L. y FLINT, W. P. (1966).- Insectos destructores e insectos útiles. Sus costumbres y su control. Ed. Continental, S.A., México. 1208 pp.
Nesta obra os autores fan un estudo dos distintos grupos de insectos perniciosos para o agricultor. Obra imprescindible para o coñecemento da  bioloxía de cada un dos grupos.

METCALF, R. L. and METCALF, R. A. (1993).- Destructive and useful insects. The habits and control. Ed. McGraw-Hill, Inc New York, 2149 pp. + I. 56.
Esta obra é unha revisión actualizada da anterior, na que se recollen as investigacións sobre a acción de insectos  e o seu control (químico e biolóxico).

MOENS, R. (1981).- Le probléme des limaces dans la protection des végétaux. Identification. Ann. Parasitolo­gie, 53 (2): 215-222.
É unha obra imprescindible para a identificación das especies de babosas prexudiciais, asequible a profa­nos so­bre a materia.

OUTEIRO, A., ONDINA, P., RODRÍGUEZ, T. y CASTILLEJO, J. (1990).- Es­tudio autoecolóxico de Punctum (P.) pyg­maeum (Draparanud, 1801) (Gastropoda, Pulmonata) na Serra do Courel (Lugo, España). Rev. de Ecol. et Biol. du Sol, 26(4): 515-525.
Neste traballo os autores estudan o ciclo biolóxgico de dúas especies de gasterópodos e relacionan as  súas dis­tintas fases cos factores edáficos do medio. Esta mesma metodoloxía pódese empregar no estudo da auto ecoloxía das babosas prexudiciais.

PLANES, S. Y CARRERO, J. M. (1995). Plagas del Campo. Ediciones Mundi-Prensa 12ª edición. 550 pp.
Revisión dos tipos de pragas que ameazan a  agricultura na Península Ibérica e sobre a xestión do seu control.

RONDELAUD, D. (1978).- Les efects á long terme d´un controle biologique par predation. Ann. Parasitologie, 53 (2):215-222.
É un dos poucos estudos que se fixeron sobre o control biolóxico de ca­racois. O es­tudo baséase en espe­cies carnívoras de caracois

SOUTH, A. (1992).- Terrestrial slugs. Biology, ecology and control. Ed. Chapman & Hall, London. 428 pp.
É unha revisión do coñecemento actual da bioloxía e ecología das babosas, xuntamente co seu estatus e control como pestes. Un traballo de recompilación moi  completo e actual.

 

 Obxectivos concretos e interese dos mesmos

 1.- Coñecer o “status” das pragas e enfermidades que causan os insectos, caracois e babosas nas plantas cultivadas en Galicia.

2.- Coñecer a relación densidade de poboacións de insectos, caracois e babosas - intensidade dos danos que causan.

3.- Coñecer a dinámica de desenvolvemento do cultivo respecto ás poboacións de insectos, caracois e babosas asociadas.

4.- Definir o comportamento das poboacións de praga, en relación aos seus inimigos naturais e aos parámetros necesarios para a súa modelización.

A.- Na natureza

1.- Identificar os distintos insectos, babosas e caracois que causan estragos nos distintos cultivos típicos de Galicia, tanto agrícolas coma hortícolas. Realizar un mapa de distribución das especies en función dos cultivos.

2.- Estimar a densidade das poboacións e cuantificar os danos en relación coa superficie cultivada e o valor do producto.

3.- Co obxectivo de determinar os inimigos naturais destes insectos e moluscos, procederáse a inventariar e cuantificar as distintas poboacións de animais que son frecuentes nos cultivos estudados (só os que se sabe, pola bibliografía, que son depredadores destes).

Interese

O interese destes obxectivos está en que, coñecendo a bioloxía dos insectos e moluscos prexudiciais, poderemos axudar ao agricultor a loitar contra esas pragas dunha forma natural, sen o emprego de productos químicos, xa que unha vez coñecido o ciclo,  poderémolo manipular.

Antes de empezar calquera loita contra unha praga é necesario coñecer o axente causante, coñecer o seu ciclo biolóxico e ecolóxico, cómo lle afecta no medio ambiente, os cambios do medio ambiente, cómo é a cadea trófica neste ecosistema, qué depredadores existen e cómo actúa todo o conxunto nun medio forzado polo home para obter unha maior rendabilidade económica.

Unha vez que se coñeza e se entenda a bioloxía deste ecosistema, poderemos manipular o ciclo biolóxico das especies-praga, atacándoas na súa fase máis fráxil e desta forma controlalas ou erradicalas.

Unha vez realizada esta investigación, poida que non se consiga o control ou erradicación das pragas por medio do control biolóxico con depredadores, por loita entre especies de distintos animais. Pero ao ter información concreta da bioloxía destes, é dicir, cando poñen os ovos, cando eclosionan estes, cando alcanzan a madureza sexual, etc., e coñecer a súa actividade circadiana en función dos parámetros ambientais (temperatura, humidade, luz, vento), con todos estes datos estaremos nas condicións idóneas para indicarlle ao agricultor as épocas e momentos nos que as especies prexudiciais son máis activas, é dicir, cando hai máis risco de praga, e por outro lado indicarlle cando e cómo hai que aplicar os tratamentos biolóxicos para que estes sexan máis efectivos. Obviamente, unha correcta aplicación e unha dose adecuada de tratamentos conleva dúas vantaxes: primeira, o agricultor aforra cartos (gasta menos producto e mata maior número de especies-praga); e segunda, o medio ambiente non se resentirá cos efectos nocivos dos productos químicos, evitando a contaminación das augas freáticas e a morte doutros animais necesarios para a agricultura.

Coñecendo os depredadores destas pragas poderemos crear hábitats que favorezan o seu asentamento (árbores, setos, ...).

Metodoloxía e hipótese de traballo

Para levar a cabo este proxecto realizaránse investigacións tanto na natureza coma no laboratorio. O primeiro e segundo ano dedicaránse á investigación na natureza (cultivos) e preparación da infraestructura de laboratorio, e o  terceiro ano á investigación no laboratorio (parcelas) e á elaboración do informe final.

 

A.- Na natureza. (1º e 2º ano):  Seleccionaránse e escolleránse seis zonas nas que, polo seu impacto agrícola, as pragas causen estragos.

En cada unha das zonas elixidas escolleránse dous cultivos máis representativos, sobre eles faránse estudos cuanti­tativos e cualitativos das especies praga que existen. Determinaránse as densidades dos insectos e moluscos terrestres tanto nos cultivos coma nos aledaños destes, para ver se existe certa interrelación. As mostraxes serán mensuais e a toma de mostras cuantitativas faráse por medio de trampeo específico, de uso adoitado entre a poboación científica (estes métodos están perfecta­mente contrastados e existe ampla bibliografía ao respecto). A recollida de mostras cualitativas realizaráse mensualmente recollendo as especies-praga nos seus agochadoiros ou capturándoas fóra destes no momento de maior actividade (noite, crepúsculo, mediodía) segundo o grupo. En cada unha das zonas recolleránse mostras de solo para a súa posterior análise edáfica, a fin de buscar relación entre estes e a actividade dos animais. Tomaránse datos climáticos en cada un dos estudos.

Previamente faráse unha viaxe para determinar as zonas. Dedicaránse 4 días ao estudo de cada zona. En cada unha delas faráse un seguimento do cultivo. As especies capturadas serán conservadas adecuadamente para a súa posterior determinación no laboratorio.

Paralelamente faránse estudos sobre o ecosistema (zona de estudo), para determinar a composición da cadea trófica en cada un dos biotopos estudados. Interésannos os animais (artrópodos e mamíferos) habituais nos cultivos, e que posiblemente se alimenten ou sexan depredadores das especies-praga.

 

Experiencia do equipo investigador sobre o tema. Logros obtidos nos derradeiros cinco anos.

A Equipa de Pragas do Departamento de Bioloxía Animal da Facultade de Bioloxía ten recoñecida experiencia  para levar a bo termo a inves­tigación que se propón neste proxecto.

  1. a) Faunística e sistemática: Parece conve­niente recor­dar as recomendacións do Comité Europeo de Zoo-Tax (Zootaxonomía), no sentido de que os estu­dos faunísticos deben ser impulsados, non só polo seu inte­rese científico intrínseco, senón tamén como soporte para traballos ecolóxicos, in­dustriais e de explotación de recursos biolóxicos naturais, que necesitan obras adecuadas para identifi­car os animais.

Os compoñentes do equipo solicitante deste Proxecto traballan, dende hai anos, sobre distintos grupos de Coleópteros ibéricos. Dito equipo desenvolve unha ampla investigación da fauna entomolóxica: inventarios, estudos faunísticos, taxonómicos e zooxeográficos. Esta experiencia plasmada nas publicacións que se recollen nos seus currículos fai que os seus membros estean plenamente capacitados para a realización dos diversos aspectos que se inclúen neste proxecto.

En Galicia estudáronse os insectos, caracois e babosas das zonas boscosas das provincias de Ponteve­dra e A Coruña e case o 70% das de Lugo e Ourense. Ademais lévanse realizado máis de 2.500 mos­traxes cuantitativas e semicuantitati­vas en Asturias, León, Zamora, Salamanca e Portugal. Os resultados destas cam­pañas publicáronse en numerosos traballos onde queda plasmado o labor encamiñado a asentar as ba­ses taxonómi­cas na determinación das espe­cies.

  1. b) Taxocenose: Cos datos faunísticos e edá­ficos das mos­traxes es­tacionais, estudáronse as taxocenoses de gas­terópodos do Bosque de Os Cabani­ños (Os Ancares), Serra do Courel e das zonas de Auga­santa e Rois. Recentemente defenderonse dúas Teses Doutorais, unha sobre as taxo­cenoses das provin­cias de A Coruña e Pontevedra, e outra sobre a Franxa Oeste da Península Ibérica, e ambas mereceron a máis alta cualificación.

Este tipo de traballos que relacionan a malacofauna co seu en­torno (fitoecoloxía), son case inéditos en España; con eles esta­mos estudando cales son os factores ecolóxgicos que interveñen na distribución das especies, así como as especies caracte­rísticas que definen cada comuni­dade.

  1. c) Malacoloxía aplicada: Helicicultura e Control de pragas: Despois de ter case estudados os coleópteros e a malacofauna terres­tre do Oeste da Penín­sula Ibérica, cre­mos que es­tamos en condicións de entrar na apli­cada. Xa desenvolvemos dous Proxectos de Investigación sobre Helicicul­tura, e confiamos en empezar co Con­trol de Pragas, de feito pertencemos á Acción Integrada “Integrated management of molluscs pest in lower input crop systems” a nivel europeo para o estudo das pragas de babosas. Dentro do Equipo contamos con inves­tigadores especializados en taxonomía, en informá­tica, en deseño de sistemas expertos, en aplica­ción de análises ma­temáticas e en edafoloxía, pero so­bre todo xuntouse un grupo de investigadores con bastantes anos de expe­rien­cia e con ilusión por traballar en equipo e, loxicamente, estánse formando novos investigadores nos campos da ma­lacoloxía aplicada, ecoloxía e taxonomía.

 

Instalacións, instrumentos e técnicas dispoñibles:

Instalacións:

Contamos coas do Departamento de Bioloxía Animal da Fa­cultade de Bioloxía.

Disponse das instalacións e infraestructura do Departamento de Bioloxía Animal da Facultade de Bioloxía da Universidad de Santiago.

Instrumentos:

O Departamento conta con mate­rial óptico sufi­ciente (estereomicroscopios) para cada membro do equipo, ademáis dun microscopio, co que poder deter­minar e estudar as especies. Para as análises edáficas contamos con balan­zas, estufas, pHmetros, forno, tamizadoras; tamén se pode acceder aos equipos de aná­lise do Departamento de Edafoloxía. Para o procesamento dos datos e deseño do software que controle as varia­bles dos invernadoiros dis­poñemos de dous ordenadores personais conectados á rede informá­tica da Universidade, así como ao  Centro de Cálculo.

Técnicas:

O equipo ten unha ampla ex­periencia en muestreos de campo; en total leva realizadas máis de 3.000 mostraxes e é capaz de levar a cabo un traballo de campo de boa ca­lidade. Tódolos mem­bros do equipo dominan as técnicas necesarias para a determina­ción do material e análise de solos, varios domi­nan a programación en linguaxe Fortran e C, así como técnicas de electroforesis aplicables á separación de distintas especies.

Por último, o Equipo dispón da bibliografía necesaria relacio­nada cos temas deste Proxecto de Investiga­ción e ademais atópase integrado dentro da rede de laboratorios a nivel da CEE que se dedican ao es­tudo de pragas.

 

4 - CONSTRUCIÓN DUN VIVEiRO PARA REPRODUCIÓN DE ESPECIES AUTÓCTONAS LEÑOSAS E HERBÁCEAS

A ubicación do Centro de Leboso a 640 m de altitude, cunha Tª media de 14º C e elevada pluviosidade, convérteo nun lugar idóneo para a reprodución de especies leñosas e herbáceas características de áreas de montaña en Galicia.

Nunha primeira fase de actuación, a producción do viveiro debe centrarse en cubrir a demanda local, tratando de que a súa produción dote de maior valor económico aos montes que rodean a F.G.V. e aporte rendas suplementarias aos habitantes dos pobos implicados.

ESTUDO PREVIO

Para que as actuacións sobre o territorio sexan respectuosas co medio e non alteren a súa esencia, débese partir dun estudo previo do medio biótico, entendendo como tal as comunidades vexetais naturais e seminaturais. Debe chegar ao nivel de asociación vexetal e a súa tradución á correspondente comunidade vexetal da Directiva 42/93 CEE (Directiva Hábitats). Neste estudo desvelaráse a composición de especies de cada un dos hábitats encontrados e a dinámica de rexeneración da cobertura vexetal en función do tipo de solo.

A expresión cartográfica deste estudo sinalará, con toda probabilidade, un mosaico de hábitats e comunidades vexetais en distinto grao de conservación e distinta capacidade para albergar tipos diferentes de vexetación. Esta información proporciona unha ferramenta  axeitada para a ordenación territorial, baseada en criterios de idoneidade para a realización de diferentes actividades e da protección da singularidade ecolóxica e dos principais valores medioambientais. Unha escala operativa a estes niveis é a cartografía 1: 25000 ou superior (1: 10000, 1:5000).

O estudo tamén debe incorporar a sinalización das especies consideradas como prioritarias pola Directiva Hábitats ou pola propia lexislación autonómica (Catálogo Autonómico de Especies Ameazadas), así como dos hábitats ou comunidades vexetais onde se integran.

A publicación e divulgación, dentro e fóra do propio concello, dos valores naturais do mesmo, mediante algún libro, guías, folletos, organización de actos, etc., permite un incremento do coñecemento e respecto do patrimonio natural do concello polos seus habitantes e unha estratexia de cara a valorizar os productos orixinados no mesmo.

OBXECTIVO

Unha explotación agrícola baseada en principios ecolóxicos debe desenvolverse nun entorno medioambientalmente equilibrado. A instalación dun viveiro para produción de planta leñosa debe contribuir a mellorar o medio ambiente do contorno e a producir planta que, acorde co medio, teña capacidade de xerar ingresos mediante a súa explotación sostible.

Un dos fenómenos recorrentes que deterioran a conservación do medio  ambiente nunha zona de montaña media, como é o caso do municipio de Forcarei, son os incendios forestais. A proliferación de incendios nos montes da denominada Dorsal Galega deixaron enormes superficies de erial improdutivo. Ademais da importante afectación sobre a calidad da paisaxe, a perda de arborado deixa o solo desprovisto da súa cobertura protectora facilitando os fenómenos de:

  • Arrastre de limos finos nas zonas de montaña con perda da fertilidade do solo.
  • Formación de torrenteiras con grave perigo de asolagamento na chaira receptora.
  • Colmatación de ríos en zonas baixas con perda da fauna asociada, entre as que se atopan afectadas as principais especies piscícolas.
  • Colmatación das cubetas dos embalses existentes augas abaixo, coa consecuente perda da súa capacidade de almacenamento e subministro de auga potable aos grandes núcleos de poboación.

O mecanismo más sinxelo, barato e ecolóxico para solucionar este problema  baséase na restauración forestal da conca de recepción hidrográfica. Este é un plan que supera os obxectivos inicialmente propostos pola F.G.V. Non obstante, o  restablecemento da cobertura vexetal nos montes que rodean a Fundación, na finca de Leboso, gravemente afectados pola reiteración dos incendios, é unha das actuacións prioritarias. A recuperación dun marco paisaxístico de calidade tén efectos beneficiosos no control dos incendios, na diversidade da biota e no desenvolvemento harmónico do entorno. A recuperación da paisaxe é tamén vital para o desenvolvemento de actividades complementarias, especialmente aquelas ligadas a un turismo respectuoso e amante da natureza.

Esta operación require inicialmente a selección de árbores e arbustos plus procedentes do propio concello ou dos máis próximos. Posteriormente procederáse á selección e recolección de sementes e propágulos dos patróns elixidos e á súa multiplicación controlada. Queda descartado nun entorno ecolóxico a utilización de química e/ou hormonas.

Non se trata de repoboar o monte de forma homoxénea cun único obxectivo económico; máis ben ao contrario, trátase de restablecer o equilibrio natural do entorno procurando un mosaico paisaxístico que, ao tempo que respecte a Natureza, sexa funcional e capaz de proporcionar rendas suplementarias aos seus habitantes. Os productos secundarios do monte (setas, froitos, mel, etc.) son un obxectivo en si mesmos. Contribúen a que a poboación local valore o entorno e, polo tanto, que o coide e o respecte.

Potenciaráse a obtención no viveiro de especies autóctonas que xeren un rendemento económico para a poboación local a curto, medio e longo prazo. Para isto procederáse á multiplicación de árbores e arbustos autóctonos con produción de froitos, cuxa recolección supoña un valor enagadido ao monte e que sexan respectuosos coa natureza intrínseca do medio onde se opera. No caso doutras especies foiteiras non orixinarias da bisbarra pero nas que o cultivo ten unha tradición secular, preténdese conseguir a recuperación de variedades locais con boas características organolépticas e morfolóxicas, que permitan a súa explotación e comercialización.

Independentemente de que nunha fase posterior se poida dirixir a actividad do viveiro cara á producción doutras especies, nun primeiro momento prevese a necesidade de obter planta das seguientes variedades:

 

Betula celtibérica (Bidueiro)

Endemismo da Península Ibérica. Foi e segue sendo frecuente a repoboción do monte con Betula alba, especie de orixe centroeuropea que responde peor ao clima local e que hibrida co autóctono, coa conseguinte erosión xenética da árbore autóctona.

Utilización: restauración do arborado en zonas altas de vaguada. Cortalumes natural. Alta valoración paisaxística, fundamentalmente en outono e primavera.

 

Fraxinus angustifolia (Freixo de folla estreita)

Freixo característico da metade S de Galicia.

Utilización: restauración do arborado nunha segunda liña da ribeira. Incremento da biodiversidade no entorno de ríos e regatos. Alta valoración paisaxística, fundamentalmente en outono.

 
Alnus glutinosa (Ameneiro)

Utilización: restauración do arborado de ribeira. Fixador de caudales e limita a erosión nas beiras.

 

Castanea sativa (castiñeiro)

Selección de patróns resistentes á tinta.

Utilización: creación de soutos en ladeira para a obtención de leñas, castañas e madeira de calidade. Interese apícola durante o verán. Alta valoración paisaxística durante todo o ano, especialmente no verán e no outono.

 

Quercus robur (carballo)

Utilización: plantación en solos profundos de ladeira para a obtención de leñas, bellota para o gando e madeira de calidade. Alta valoración paisaxística.

 
Ilex aquifolium (Acibro)

Utilización: Naturalización do bosque e refuxio para a fauna local durante o inverno. Posible comercialización como leñosa ornamental. Formación de setos. Alta valoración paisaxística polo contraste da súa folla lustrosa e perenne.

 
Prunus spinosa (Endrina)

Utilización: obtención de froito para elaboración de licores. Formación de setos vivos. Recurso alimenticio apícola durante o final do inverno e comezo da primavera.

 

Prunus avium (Cerdeira)

Utilización: obtención de froita para consumo e venda. Recurso alimenticio apícola durante a primavera.

 

Malus (mazaira)

Selección de variedades autóctonas.

Utilización: obtención de froita para consumo e venda. Recurso alimenticio apícola durante a primavera.

 

Vaccinium myrtillus (Arando)

Utilización: Obtención de froito para a elaboración de marmeladas e confituras. Alta valoración ecolóxica.

                    

Crataegus monogyna

Utilización: Refuxio e alimento para a fauna local, con especial incidencia na avifauna. Recurso alimenticio apícola durante a primavera. Arbusto de sotobosque, útil na formación de setos vivos.

 

 

Outras herbáceas:  Fresas, frambuesas, etc.

 

 

MAPA DE HÁBITATS DO CONCELLO DE FORCAREI

A cartografía dos hábitats do Concello de Forcarei a escala 1:25000 constitúe unha ferramenta fundamental para unha adecuada xestión do territorio.

A Directiva 42/93 CE propón a salvagarda dos hábitats considerados prioritarios nesta Directiva, atendendo á súa rareza, endemicidade ou por encontrarse no extremo da área.

Con este mapa conséguese a información territorial básica para adecuar futuras accións e infraestructuras respectando os principais valores medioambientais do Concello.

Do mesmo modo, serve para a proposición de lugares de interese conservacionista e para dalos a coñecer tanto á poboación residente coma aos visitantes nos principais puntos de interese ecolóxico do Concello.

O mapa de hábitats, ou o que vén a significar o mesmo, o mapa de asociacións vexetais do Concello é, ademais, un punto de partida histórico no que se verá recollida a evolución da cuberta vexetal ao longo do tempo. Trátase dunha foto de partida de referencia para os anos vindeiros.

Acompañando ao mapa da vexetación actual, procederáse á zonificación do Concello dende unha categorización ambiental. Nela dividiráse o mapa en 5 categorías nas que se propondrán dende lugares sensibles de elevado interese conservacionista ata lugares nos que distintas actividades de desenvolvemento e de infraestructuras son menos prexudiciais e máis apropiadas.

 

Metodoloxía

Percorreráse o Concello a pé e en vehículo todoterreo. Realizaránse inventarios de tódolos hábitats existentes para podelos asignar ao seu hábitat correspondente.

A partir de fotografía aérea dixitalizada trazaránse as distintas unidades e levaránse a un hábitat determinado a partir dos inventarios realizados in situ.

Asignación dun código de cores para cada un dos hábitats resultantes.

Incorporación a cada tesela de especies consideradas prioritarias na Directiva Hábitats ou con importancia rexional ou local.

Valoración de cada tesela en función do seu estado de conservación, do tipo de hábitat, da presenza de especies raras ou ameazadas e do seu valor paisaxístico e funcional.

Cronograma

O período de execución para un mapa destas características é dun ano a partir da data de inicio do proxecto. Os primeiros meses, e ata ben entrado o verán, dedicaránse á recollida de datos no Concello. Durante este período iráse avanzando na representación cartográfica a partir da foto aérea dixitalizada. A partir do mes de agosto, cando a vexetación xa se teña expresado na súa totalidade, modificaráse o trazado das teselas en función dos datos obtidos no Concello.

Os últimos meses dedicaránse á elaboración final dos mapas e ao desenvolvemento dunha memoria onde se describa con precisión cada un dos hábitats.

A documentación final obtida con este traballo poderá servir para a propia xestión de actividades dentro do Concello. A conveniencia da súa publicación vén dada pola exclusividade deste tipo de información a nivel de concellos en Galicia, podendo servir como referencia para unha adecuada planificación territorial noutros concellos ou comarcas.

 

5 - RECUPERACIÓN DO PATRIMONIO XENÉTICO E INVERNADOIROS DE MONTAÑA

Resumo:

Ata hai pouco tempo, na bisbarra de Forcarei cultivábanse varios tipos de cereais, hortalizas e froiteiras de gran calidade. Son sobradamente coñecidos os grelos, os repolos, o centeo e as patacas, por citar algúns soamente. Nunha  mostraxe de campo puidemos detectar que  aínda hai xente maior que conserva esas sementes e a práctica para producilas. Neste proxecto trataremos non só de recuperar as sementes, senón tamén as prácticas agrícolas que permitiron o seu cultivo.

Obxectivos:

1º Recuperación de sementes, árbores e arbustos tradicionalmente cultivados na bisbarra.

2º Estudo das prácticas tradicionais de cultivo.

3º Reprodución e mellora.

4º Distribución.

Etapas:

Temos que comezar, necesariamente, cun intenso traballo de campo para coñecer as diferentes condicións da bisbarra. Neste estudo realizaránse tanto análises de solo (como organismo vivo), coma orientación, réxime pluviométrico, entorno biolóxico, características edafolóxicas, ... é dicir:  todo aquilo que defina perfectamente o hábitat da pranta ou árbore. Paralelamente a esta toma de datos, recolleremos información sobre pragas e outras problemáticas, así como datas de plantación e tratamentos tradicionais.

Unha vez recollida esta información de sementes, ou de exemplares, procederemos á súa reproducción paralela nas instalacións da F.G.V. e na zona de recollida. Aplicaráse, en principio, a práctica agrícola que durante anos utilizou a persoa que mantén esas sementes. Paralelamente, na F.G.V.  teremos unhas parcelas testemuño con prácticas melloradas de agricultura ecolóxica. Durante esta etapa trataremos de determinar:

  • Práctica agrícola de maior rendemento.
  • Datas de sementar e período reprodutivo.
  • Información técnica, como marcos de plantación, fertilización ou asociacións.
  • Tratamentos ecolóxicos.

Unha vez coñecidas estas características do cultivo, estaremos en condicións de reproducilo para obter sementes. O traballo da F.G.V. manteráse no tempo con esta orientación, para continuar coa mellora.

Reprodución

Dado que un dos obxectivos da F.G.V. é a creación de postos de traballo,  imos  adoptar para a reprodución  o sistema de contrato con agricultores para que, asesorados e controlados pola F.G.V., sexan eles os encargado de cultivar as plantas dedicadas a reprodución, sempre baixo contrato, encargándose posteriormente a F.G.V., ou un organismo que se cree a este fin, da venda e distribución das mesmas.

Outras aplicacións:

Unha vez que teñamos as condicións da comarca perfectamente parametradas, estaremos en condicións de traballar noutras dúas direccións:

  • Introdución de novos cultivos.
  • Producións silvestres.

Con esta iniciativa pretendemos incrementar a capacidade produtora do rural con aquelas especies que mellor se adapten ás súas características. Este ano iniciamos o cultivo do alforfón, un producto novo en Galicia, de gran valor engadido e que reúne algunhas características que o fan interesante:  prezo elevado, carencia de glute e alto contido proteínico. Utilízase para panificar ou como substituto do arroz.

Outra liña de interese, coñecidas as bondades da bisbarra, sería:

  • a mellora e introdución de froitos silvestres: fresas, silveiras, frambuesas ..., que de feito se utilizan tanto como produto en fresco coma para elaborar marmeladas.
  • a mellora e reprodución de cogomelos, en torno aos que xa existe unha gran tradición.

 

INVERNADOIROS DE MONTAÑA

A posta en marcha desta liña de investigación ten como obxectivo principal abrir novas posibilidades á explotación agrícola dun xeito razoable e economicamente interesante. Sen dúbida algunha, as terras agrícolas diminúen a pasos axigantados, invadidas pola especulación urbanística.  O invernadoiro de montaña vainos permitir acceder a novas terras en magníficas condicións productivas.

Deberá cumprir, polo menos, dúas condicións:

  • Que sexa productivo.
  • Que requira investimentos mínimos.

A  idea deste tipo de invernadoiros parte dos xa existentes no Nepal e no Perú, e que foron desenvolvidos por dúas ONGs de enxeñeiros,  xaponeses no primeriro caso e franceses no segundo. Buscábase a produtividade en zonas climatoloxicamente complicadas, a fin de estabilizar a poboación.

En base a estes deseños orixinais, que coñecemos e estudamos, estamos en condicións de desenvolver un invernadoiro propio, adaptado ás caracteristicas galegas. Será necesario poñer en marcha un proxecto de investigación que nos permita determinar os parámetros máis axeitados e a fixación de constantes de explotación.

Como mostra, na páxina seguinte incluímos un debuxo do que representa o prototipo de partida, e que xa nos suscita unha serie de interrogantes:

  • Sistema de calefacción
  • Pendente máis axeitada
  • Profundidade da escavación
  • Material illante
  • Drenaxe
  • Protección contra vento

 

 

 REMATE DA PRIMEIRA FASE

 

 

            Consideraremos rematada a primeira fase, e estaremos en condicións de comezar o traballo intenso, cando teñamos cumpridas as seguintes condicións:

 

  1. Ter o edificio rematado e cos equipamentos necesarios.- O Centro de Leboso debe dispoñer de tódolos elementos que precisa para a súa actividade nos campos da investigación, formación e divulgación.
  2. Dotación de persoal técnico, necesario para o funcionamento do propio Centro e para prestar asistencia aos profesionais do sector (especialistas en agricultura ecolóxica e gandería), e persoal auxiliar.
  3. Agricultores e gandeiros con formación, a través dos obradoiros que organicemos. Este persoal será o que leve adiante, en colaboración coa F.G.V., todo o proxecto de futuro sostible.

 

 

 

 

 

 

Antes de comezar a seguinte fase será necesario cumprir a seguinte condición:

 

 

 

 

 

Declaración de zona libre de transxénicos da bisbarra por parte do Concello de Forcarei e, de ser posible, tamén dos colindantes. Sería un contrasentido pelexar por unhas prácticas ecolóxicas e ter, ao mesmo tempo, os transxénicos na casa, cos problemas de contaminación biolóxica que éstes conlevan.

 

 

SEGUNDA FASE

 

Hai que contemplar a segunda  fase de desenvolvemento do Proxecto da F.G.V.  dende diversas perspectivas:

 

  • Profesional
  • Investigación
  • Formación
  • Produción
  • Divulgación
  • Financiamento

 

 

 

PROFESIONAL

 

Sendo o obxectivo prioritario da F.G.V. a creación de postos de traballo sostibles no rural, tódalas demais actividades estarán ao servizo de, e en relación con esta.

O profesional, a través da F.G.V., disporá de asesoramente e formación permanente, e de sementes seleccionadas.

Dúas serán as liñas mestras desta actividade:

 

 

1- Implicación dos profesionais da comarca.

           

            Un dos problemas que teremos que ir prevendo é o da reprodución masiva de sementes para a venda, tanto a profesionais como a particulares. O papel da F.G.V., con respecto ás sementes, será o de investigar e facer unha mellora contínua das mesmas, pero non o de acometer a súa reprodución masiva. A este respecto, parécenos máis axeitado o control e asesoramente a agricultores profesionais aos que lles cederemos as sementes e cos que asinaremos contratos de compra de toda a producción. É dicir que, baixo o noso control, serán os agricultores os encargados de reproducir masivamente as sementes. Para eles isto supón a vantaxe de dispoñer dun asesoramento gratuito e de ter a produción vendida. Esta seguridade, incluíndo unha substanciosa mellora nos prezos, coidamos que vai ser decisiva para que a xente retorne ao traballo agrícola.

 

 

2- Creación de varias UTEs

 

            Para estas contaremos, en principio, cos asistentes aos obradoiros, que xa terán recibido unha formación que inclúa actividades sociais e de asociacionismo.

A filosofía que debe presidir estas UTE é a de crear grupos que sexan complementarios, de xeito que o que un produza poida ser aproveitado polo outro, e o mesmo sucede cos resíduos. Un exemplo: unha persoa pode producir ovos, para o que  necesita alimentar as galiñas; estas galiñas producen residuos que se poden utilizar para facer compost, que, á súa vez, pode ser utilizado na produción de hortalizas; estas hortalizas poden venderse en fresco ou pasar a unha industria de transformación, e finalmente os restos poden voltar ás galiñas.

 

            Non é difícil entender que neste circuito pechado se reducen drasticamente os insumos, o que conleva un mellor aproveitamento dos recursos, a minimización dos  gastos, a redución da contaminación e a mellora da relación humana.  Esa UTE pode comercializar en conxunto a fin de reducir gastos de distribución, contabilidades, etc., etc., actuando como un único empresario.

 

            Dende a F.G.V., sempre que así o desexen, poderánse coordinar os estudos de mercado, de gran importancia neste caso xa que intentaremos abastecer, en primeira instancia, os mercados próximos, entendendo como tales os situados nun radio en torno aos 60-70 quilómetros. Establecemos esta distancia por razóns de sostenibilidade, xa que hai menos gastos de distribución, o producto pódese levar fresco, minimízase o gasto enerxético e,  consecuentemente, a contaminación, etc.

 

 

3- Desenvolvemento forestal integral

 

            Outro dos puntos interesantes de cara á creación de postos de traballo pasa pola explotación integral do monte, empregando unha fórmula ben coñecida  consistente en promover o apadriñamento de árbores como forma garantida de investimento. Trátase de captar recursos privados para producir madeira de alta calidade e certificada.  Este mantemento do monte debe reportar outros beneficios:

 

 

  • Creación de postos de traballo, pola necesidade de manter as actividades que se describen a continuación.
  • Viveiro de árbores de calidade, que sirvan para o apadriñamento e para repoñer calquera que resultase danado. No futuro, cando se dispoña de madeira certificada, estudaríanse as posibilidades de elaborala.
  • Mel, non só polo producto en si, senón para mellorar a polinización de  árbores e matogueira.
  • Plantas aromáticas e medicinais, como complemento doutras actividades, incluídas as das empresas de transformación.
  • Froitos silvestres, para as empresas de tranformación ou venda en fresco. Na zona hai boas silveiras e tamén atopamos fresas e frambuesas. Estudaráse a viabilidade doutros cultivos.
  • Cogomelos, como produción de temporada. Na bisbarra hai unha gran variedade de cogomelos que haberá que incrementar sementando.
  • Actividades cinexéticas, como a caza da perdiz ou do coello, tamén se poderían ter en conta.
  • Compost, elaborado con toxo e restos de podas, de hortas, de industrias de transformación, ...

 

            En definitva, o que pretendemos con este tratamento integral do monte é que a xente participe na súa conservación, que viva dos seus recursos, que o sinta como propio e, deste xeito, evitar tamén a lacra dos incendios forestais.

 

 

4- Diversidade de produción e vendas:

 

            A vantaxe de traballar coordinados é que ninguén asumirá en solitario os riscos da gran produción dunhas poucas mercadorías. En función dos mercados locais (ou próximos) aos que se abasteza, planificaránse as plantacións en réxime de produción compartida. A produción vaise diversificar por dúas razóns primordiais:

 

  • Por repartir riscos, compensando unha posible mala colleita dun produto con outras boas.
  • Para poder cubrir a maioría das necesidades dos clientes, xa que dende este colectivo se impulsará a venda directa programada produtor-consumidor, de xeito que o produtor poida vender máis cara a súa produción, mentres que o consumidor se beneficiará dun mellor (ou igual) prezo pero cun incremento da calidade posto que o produto será ecolóxico, madurará na planta e non levará ningún tipo de conservante.

           

            A produción aplicaráse á venda en fresco ou á transformación en empresas locais. A través da venda a empresas de transformación,  ábrense novos camiños para o agricultor. A fórmula que intentaremos implantar será a mesma da F.G.V. con relación ás sementes, é dicir: establecer convenios de colaboración entres os envasadores e os produtores a fin de obter a mellor rendibilidade para ámbalas partes.

 

 

5- Ámbitos de actuación

 

            As actuacións anteriormente descritas aplicaránse aos sectores agrícola, gandeiro e de transformación.

 

 

6- Aval de calidade

 

            A producción da bisbarra ten que ir respaldada por un aval de calidade que a F.G.V. deberá poñer en marcha. Este aval de calidade, diferente aos que existen actualmente na maioría dos mercados, deberá cumprir tres requisitos mínimos, polo que se establecerán tres selos, cada un dos cales suporá a existencia do anterior:

  1. Ecolóxico. É evidente que éste ten que ser o primeiro selo, é dicir: que tódolos procesos deberán ser ecolóxicos para que o produto final resulte exento de calquera substancia química de síntese, ou transxénica.
  2. Venda local. O produtor que aspire a este segundo selo terá que comprometerse á venda local da maior parte da súa produción. Podemos establecer unha taxa do 70 por cento da produción, nun radio de 60 quilómetros. A razón de ser deste distintivo é incentivar a venda local, minimizando o impacto ecolóxico: menos gasto enerxético, menos contaminación, produto fresco madurado na planta, recollida de restos, etc.
  3. Social. O terceiro distintivo, o social, será outorgado a aquelas persoas ou empresas que en todo o proceso produtivo presten especial atención aos seus empregados, pagándolles un bo salario, cunhas condicións de traballo axeitadas, bo trato persoal, horarios xustos, etc.

 

            Parécenos moi importante a creación deste triple aval de calidade para conseguir unhas condicións sociais que permitan, de cara ao futuro, unha total sostenibilidade. Cremos que o traballador é parte integrante da empresa e que, como tal, merece a maior consideración. Con esta e outras medidas intentamos tamén “humanizar” o traballo, como parte fundamental dunhas relacións sociais consistentes.

 

 

INVESTIGACIÓN

 

            Continuar coas liñas establecidas na primeira fase, compatibilizando a investigación propia do Centro coa realizada en colaboración coa Universidade.

 

 

FORMACIÓN

 

            A formación permanente debe ser un dos obxectivos do Centro da F.G.V. en Leboso. Ademais da formación xeral necesaria para o desenvolvemento das prácticas agrícolas e gandeiras, deberemos ir organizando cursos especializados en temas concretos que sirvan para mellorar e ir elevando o nivel dos profesionais.

           

            Ademais dos cursos para profesionais, organizaremos cursos de menor duración e contidos destinados a divulgadores e particulares.

 

            Dentro desta liña formativa, contémplase a posta en marcha dun curso on line de agricultura biolóxica, en colaboración coa Universidade Galega.

 

 

PRODUCIÓN

 

            O mantemento dunha produción de calidade é imprescindible, dada a competencia actual para introducirse no mercado.

 

            Nestas producións deben primar, por orde de preferencia, as seguintes consideracións:

  • Calidade
  • Sistema de venda
  • Presentación

 

            A calidade deberá estar garantida polo aval da .FG.V., que actuará como organismo de control.

 

            O sistema de venda  principal debe ser a venda directa produtor-consumidor. Igual que se ven facendo en grandes zonas de Cataluña e sur de Francia, propiciaremos unha venda directa, semanal, de produtos frescos a domicilio. Tamén se poderá abastecer de produtos envasados. Esta actividade apoiaráse nunha páxina web na que se recibirán os pedidos e na que se expoñerán os contidos das bandexas semanais. Se, chegado o momento, a demanda crecese o suficiente, poderíase estudar a distribución a través dalgunha tenda mediante convenio de venda en exclusiva e control de marxes comerciais. Poderíase contemplar, tamén, a posibilidade de abrir unha tenda propia.

 

            Para nós, o feito de buscar un sistema de venda alternativo ten por obxecto poderlle  pagar ben ao agricultor (que non debería precisar subvencións) e chegar ao consumidor con prezos competitivos, evitando as marxes abusivas dos intermediarios.

 

            O sistema de venda directa conlevaría algunha outra vantaxe. Poñeremos un exemplo ilustrativo: o tomate sairía maduro dende a planta ao reparto; sería, polo tanto,  moito máis saboroso e con maior cantidade de vitaminas. Pois ben, chegado o caso de ter que vender en tendas, estando cerca e pasando practicamente a diario, poderiamos recoller os tomates que non se desen vendido e que estivesen xa a piques de pasarse, pezas que resultan óptimas para a elaboración de salsa de tomate ou outro tipo de envasado. Deste xeito, á tenda se lle cambiarían e non sufriría perdas. Aqueles froitos pasados tamén se poderían reciclar coas galiñas ou outros animais, ou  entrar a formar parte do  compost.

 

            Canto á presentación, terá que ser ecolóxica, sempre utilizando materiais reciclados ou reciclables e buscando unha imaxe de naturalidade e de autenticidade, propia do produto tradicional.

 

 

DIVULGACIÓN

 

                    A divulgación seguirá dúas derrotas diferentes:

                

                    - A primeira faráse dende as instalacións da F.G.V. a través de cursos,  publicacións, páxina en internet, edición de vídeos, etc., co obxecto de informar puntualmente de todo o que alí facemos e trasladar á sociedade os resultados das nosas investigacións.

                

                    - O segundo camiño sería a creación dunha feira móbil para a exposición e venda de produtos ecolóxicos. Para isto dispoñeriamos de quioscos modulares que deberían reunir as seguintes características:

 

  1. Ser desmontables e facilmente transportables, para podelos montar de novo nun tempo mínimo.
  2. Estar realizados en materiais o máis naturais posible, sempre libres de tóxicos e, en calquera caso, que sigan criterios de bioconstrución.
  3. Que a operación de montar e desmontar se realice nun tempo breve (10-20 min.), e que a poida executar con total seguridade e de maneira satisfactoria calquera persoa sen cualificación específica.
  4. Satisfacer as necesidades básicas dos agricultores na feira: un espazo de 4 m², un expositor amplo para as mercadorías en boas condicións de hixiene (tanto para o público como para os produtos expostos), saudables e atractivas e cunha protección adecuada para o sol e a chuvia que permitan permanecer nel durante unha xornada completa.
  5. Tódolos quioscos contarán cunha imaxe de características similares, cos sinais de identidade da comarca que permitan localizar facilmente a actividade e os produtos que na feira se expoñen: alimentos das hortas biolóxicas e da
  6. O conxunto da feira (quioscos, sinalizacións e embalaxes), formarán parte dun equipamento sinxelo pero completo, de boa calidade, con materiais nobres e resistentes á intemperie e cunhas necesidades mínimas de mantemento. Ademais, e debido a este sistema modular, poderáse presentar unha feira máis ou menos grande  segundo as necesidades de cada lugar ou momento, e sen que falte ningunha parte dentro do conxunto.

 

 

 

                FINANCIAMENTO

 

            O obxectivo é que,  nun prazo de tres a catro anos, o Centro de Leboso da F.G.V. poida autofinanciarse coas súas propias actividades, entre as que destacamos:

 

 

  • Cursos e publicacións
  • Vídeos
  • Venda de sementes autóctonas
  • Explotación integral do monte (marmelada, cogomelos, mel)
  • Ingresos por distribución
  • Aportacións de voluntarios e outras doazóns

 

 

[1]           “La Sociedad de Forcarey cae en desgracia”. El Despertar Gallego nº 138, 6/1/1929, p. 2.