ESTATUTOS DA FUNDACIÓN  GALICIA VERDE

 

TITULO I - Denominación, fontes normativas, finalidade e obxectivos. Domicilio e duración.

TITULO II - Patrimonio da Fundación.

TÍTULO III- Destinatarios dos beneficios da Fundación.

TÍTULO IV - Goberno da Fundación.

Capítulo 1 - do Padroado.

Capítulo 2 - do Presidente da Fundación.

Capítulo 3 - da Comisión Científica.

TÍTULO V - Exercicio social, contabilidade e administración de rendas.

TÍTULO VI - Extinción da Fundación.

  

  

 TÍTULO I:

DENOMINACIÓN, FONTES NORMATIVAS, FINALIDADE E OBXECTIVOS. DOMICILIO E DURACIÓN.

 

ARTIGO 1º.- Denominación e Fontes Normativas.

Ao abeiro do dereito recoñecido no Artigo 34.1 da Constitución Española, baixo a denominación de FUNDACIÓN GALICIA VERDE constitúese unha organización de natureza fundacional, de interese galego, sen ánimo de lucro, na que o patrimonio está afectado de modo duradeiro á realización dos fins de interese xeral propios da institución. Rexeráse pola Lei de Galicia número 7/1983, de 22 de Xuño, de Réxime das Fundacións de Interese Galego, modificada pola Lei número 11/1991, de 8 de Novembro, polo Regulamento de Organización e Funcionamento do Protectorado das Fundacións de Interese Galego, e polas demais leis e disposicións que lle fosen aplicables.

 

ARTIGO 2º.-

A Fundación constituída, unha vez inscrita no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, ten personalidade xurídica propia e plena capacidade de obrar, podendo realizar en consecuencia todos aqueles actos que sexan necesarios para o cumprimento da finalidade para a que foi creada, e sempre suxeita ao establecido no ordenamento xurídico.

 

ARTIGO 3º.- Finalidade e Obxecto Fundacional.

3.1.- A Fundación, sen ánimo de lucro, ten como fin primordial a investigación, a formación, a promoción e conservación da Agricultura e Gandería Ecolóxicas, o Medio Ambiente, a Bioconstrución e a Sustentabilidade en relación coa saúde integral do medio ambiente e do ser humano, con especial atención á Solidariedade, á Biodiversidade e aos Dereitos Humanos. Os medios para acadar tales fins serán:

a). A docencia, o fomento e a conservación da Agricultura e Gandería Ecolóxicas, da Bioconstrución, así como do Medio Ambiente, en toda Galicia, promovendo iniciativas para facilitar a adaptación e mellora produtiva das explotacións agrarias ecolóxicas e o seu desenvolvemento, en relación coa saúde integral do medio ambiente e do ser humano.

b). Realizar todo tipo de cursos, xornadas, congresos e actos que contribúan a formar nas técnicas e materias da Agricultura e Gandería Ecolóxicas, da Bioconstrución e do Medio Ambiente, así como naquelas técnicas que sirvan para a Sustentabilidade, en relación coa saúde integral do medio ambiente e do ser humano. Impartir e emitir titulacións de especialistas nestas materias.

c). A investigación e desenvolvemento (I+D) de tecnoloxías apropiadas, a investigación aplicada e a experimentación en Ecoloxía, Enerxías Renovables, Agricultura e Gandería Ecolóxicas, Bioconstrución, Permacultura e Sustentabilidade, en relación coa saúde integral do medio ambiente e do ser humano, así como a divulgación dos seus resultados.

d). A difusión dos valores ecolóxico-sociais e culturais.

e). A contribución á Sustentabilidade, á Biodiversidade, á Solidariedade e aos Dereitos Humanos.

f). A elaboración de normas de calidade para as explotacións ecolóxicas que voluntariamente o soliciten e queiran ser “recomendadas” pola FUNDACIÓN GALICIA VERDE e a certificación das súas producións consonte ditos criterios. Establecer as características dos produtos a utilizar na Agricultura e Gandería Ecolóxicas, na Bioconstrución e no Medio Ambiente e autorizar a súa utilización. Establecer as condicións que deben cumprir as instalacións deste tipo, os métodos de construción, a avaliación da idoneidade dos produtos que deban considerarse aptos para a Ecoloxía e determinar os sistemas a utilizar para o seu control.

g). A adquisición, compra, permuta ou arrendamento de terreos para destinalos á súa conservación ou recuperación como espazos naturais protexidos para os fins anteriormente citados.

h). A protección e recuperación de espazos naturais protexidos e a súa ampliación ou nova creación.

i). O fomento e desenvolvemento de programas de educación ambiental e de turismo respectuoso co medio natural, o cultivo de produtos biolóxicos e dunha Agroindustria e Silvicultura sustentables e integradas e que respecten o medio natural.

j). Establecer programas e procedementos a seguir para a realización de estudos ecolóxicos en todo o territorio galego.

k). Desenvolver actividades de investigación, científicas e de difusión respecto das materias que constitúen os fins da Fundación.

l). Establecer servizos propios de asesoramento, xestión e control.

Esta relación de fins non ten carácter limitativo, e poderán ser ampliados a todos aqueles que, en defensa do interese xeral e en beneficio da Biosfera, sirvan para respectar a saúde, o medio ambiente e a solidariedade.

3.2.- Para o cumprimento dos fins aos que se refiere o número anterior, a Fundación poderá destinar os fondos que posúa, os rendementos do seu patrimonio e as posibles axudas e doazóns que reciba, e con tal fin poderá:

 

  • Conceder axudas económicas e/ou bolsas para a elaboración de teses de doutoramento e estudos de investigación; para a publicación de estudos, traballos e traducións; para a celebración de cursos, congresos, conferencias e seminarios, asinando convenios con Universidades, Administracións Públicas e entidades nacionais ou extranxeiras e, en xeral, para calquera outra actividade que teña por obxecto o cumprimento dos fins fundacionais.
  • Promover e participar coa súa axuda e/ou asesoramento en publicacións e cualquera forma de expresión audiovisual que teña relación cos fins fundacionais.
  • Poñer ao dispor de científicos e persoas interesadas canta documentación se considere pertinente, referida aos fins da mesma, e que forme parte da súa dotación fundacional, así como permitir a entrada e investigación nas propiedades da Fundación.
  • Promocionar e desenvolver as actividades anteriormente mencionadas en proxectos de axuda e cooperación en zonas deprimidas.

 

3.3.- A Fundación poderá crear outras entidades ou institucións ou, se procede, participar noutras xa existentes, cando os seus fins coincidan coas desta Fundación ou coadxuven no seu mellor cumprimento.

 

ARTÍGO 4º.- Enderezo.

4.1.- A Fundación ten o seu enderezo no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, na aldea de Leboso, Concello de Forcarei (Pontevedra), e desenvolverá as súas funcións principalmente no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia aínda que poida actuar ocasionalmente en todo o territorio do Estado Español ou noutros países.

4.2.- O Órgano de Goberno poderá acordar o traslado de domicilio así como a creación, traslado ou supresión de establecementos e delegacións, de todo o cal dará debida conta ao Rexistro de Fundacións da Xunta de Galicia.

 

ARTIGO 5º.- Duración.

A Fundación ten carácter permanente e a súa duración será indefinida.

 

 

 TÍTULO II :

PATRIMONIO DA FUNDACIÓN.

 

ARTIGO 5º.- Da dotación inicial e Patrimonio da Fundación.

 

5.1.- A Fundación, constituída no seu día cun capital inicial de 1.000.000,00 (UN MILLÓN) de pesetas, axusta os seus actos de xestión económica, disposición e administración de bens ás normas legais e regulamentarias de aplicación, destinando os seus beneficios, rendas e produtos aos obxectivos previstos nos presentes Estatutos.

5.2.- Os excedentes dos ingresos da Fundación incrementarán o seu capital.

 

  

TÍTULO III :

DESTINATARIOS DOS BENEFICIOS DA FUNDACIÓN.

 

ARTIGO 6º.- Beneficiarios.

6.1.- Os/as destinatarios/as dos beneficios da Fundación serán esencialmente persoas non determinadas individualmente.

 

ARTIGO 7º.- Regras para a determinación dos/as beneficiarios/as.

7.1.- Serán beneficiarios/as das prestacións de índole exclusivamente económica que puidera prestar a Fundación quen carezan de medios suficientes para obter resultados ou beneficios análogos a título oneroso, supoñendo en tal situación aquelas unidades familiares ou personas con ingresos non superiores a tres veces o salario mínimo.

 

ARTIGO 8º.- Gratuidade das prestacións.

8.1.- As prestacións da Fundación, en cumprimento do seu obxecto, serán gratuitas.

8.2.- Non obstante, as actividades e servizos prestados directamente pola Fundación aos/ás seus/súas beneficiarios/as poderán ser retribuídos consonte as condicións establecidas no Regulamento de Organización e Funcionamento do Protectorado das Fundacións de Interese Galego.

 

  

TÍTULO IV :

GOBERNO DA FUNDACIÓN.

 

ARTIGO 9º.-  Goberno, Administración e Representación da Fundación

9.1.- A dirección, administración, xestión e representación da Fundación correspóndelle ao Padroado e, de conformidade co que se establece nestes Estatutos, ao/á seu/súa Presidente/a e ás personas nas que delegue facultades o Padroado da Fundación, ou ás que confira apoderamento, caso este no que se procederá á súa inscrición no Rexistro de Fundacións, con expresa mención das facultades delegadas ou atribuídas.

 

ARTIGO 10º.- Retribución dos/as Membros dos Órganos de Goberno.

10.1.- Os cargos de Presidente/a, demais Patróns/as e calquera outro que leve aparellada a representación legal da Fundación, serán sempre non remunerados ou de carácter gratuito, salvo no caso de que a Fundación nomease Apoderados/as Xerais que sexan membros do Órgano de Goberno e exerzan as súas funcións con dedicación exclusiva, os/as cales poderán retribuirse segundo os requisitos establecidos nas disposicións legais correspondentes.

 

ARTIGO 11º.- Obrigas dos/as membros dos Órganos da Fundación.

11.1.- Son obrigas primordiais dos/as membros dos Órganos da Fundación as seguintes:

  • Cumprir e facer cumprir os fins da Fundación.
  • Desempeñar o cargo dilixentemente.
  • Administrar os bens e dereitos que integran o patrimonio da Fundación, mantendo plenamente o rendemento e utilidade dos mesmos.

 

  

CAPÍTULO I

DO PADROADO.

 

ARTIGO 12º.- O Padroado.

12.1.- O Padroado, convocado e constituído coas formalidades estatutarias e legais, é o órgano supremo e soberano de dirección, administración, xestión e representación da Fundación.

 

ARTIGO 13º.- Composición do Padroado, duración e cese dos/as seus/súas membros.

13.1.- O Padroado estará integrado por un número de membros non inferior a tres nin superior a doce. Ademais do/a Presidente/a, Vicepresidente/a e Secretario/a, serán membros do Padroado seis Vocais seleccionados/as entre persoas de recoñecido prestixio no ámbito obxecto da Fundación, e outros/as tres Vocais propostos/as ao Padroado polo/a Presidente/a da Fundación.

13.2.- O nomeamento dos/as membros do Padroado poderá ser con carácter indefinido ou por un tempo determinado.

13.3.- O Padroado poderá ampliar ou reducir o número dos/as seus/súas membros, dentro dos límites establecidos neste artigo e na lexislación vixente.

13.4.- Os cargos do Padroado son de confianza, honoríficos e de carácter persoal e indelegable.

13.5.- Canto ao cese dos/as membros do Padroado, estaráse, en todo caso, ao disposto legal e regulamentariamente.

 

ARTIGO 14º.- Designación de membros.

14.1.- Os/as membros do Padroado serán designados/as pola persoa fundadora entre persoas de recoñecido prestixio no campo das ciencias humanas e sociais. Ao falecemento da persoa fundadora, o/a Presidente/a do Padroado elixiráse por maioría dos dous tercios, e sempre a proposta de algún/ha membro, do Padroado. No caso de que non se acadase un acordo, decidirán os votos dos/as Patróns/as de maior antigüidade.

14.2.- A substitución, no caso dos/as Patróns/as, faráse na forma e condicións anteriormente expresadas. O propio Padroado, non obstante, poderá propoñer cubrir as vacantes que se produzan por cese dos/as seus/súas membros naqueles supostos recoñecidos polas disposicións legais; quen resulten así designados/as exercerán o seu cargo ata a primeira Xunta Xeral que celebre a Sociedade Fundadora, que haberá de ratificar aquelas designacións ou nomear novos/as membros na súa substitución.

14.3.- Delegación de Facultades.

14.3.1.- A FUNDACIÓN GALICIA VERDE poderá apoderar ao/á Presidente/a da Fundación, ou delegar nel/a a súa potestade, para a ratificación das designacións propostas polo Padroado, para cubrir as vacantes que se produzan entre os/as membros do Órgano de Goberno.

14.3.2.- Igualmente poderá apoderar ao/á Presidente/a da Fundación, ou delegar nel/a, a facultade de designación de novos/as membros para cubrir as vacantes producidas dentro dos límites fixados no Punto 1º. do Artigo anterior.

14.3.3.- No suposto de extinción da personalidade física e xurídica da persoa fundadora, o/a Presidente/a da Fundación asumirá a facultade de designación á que se refire o Punto 1º. do presente Artigo.

 

ARTIGO 15º.- Cargos do Padroado.

15.1.- Existirán os seguintes cargos no Padroado: Presidente/a, Vicepresidente/a e Secretario/a.

15.2.- No caso de quedar vacante a Presidencia do Padroado, o seu cargo será asumido automáticamente polo/a Vicepresidente/a, quen o exercerá ata a súa ratificación ou nomeamento de novo/a Presidente/a pola persoa fundadora.

 

ARTIGO 16º.- Nomeamento de Cargos.

16.1.- O cargo de Presidente/a será designado pola persoa fundadora, tendo o seu nomeamento carácter indefinido e debendo ser ratificado pola metade máis un/ha dos/as membros do Padroado.

16.2.- O nomeamento de Secretario/a será designado polo/a Presidente/a da Fundación, previa proposta pola maioría dos dous tercios do Padroado.

 

ARTIGO 17º.- Competencias e Facultades do Padroado.

17.1.- O Padroado, agás as limitacións impostas legalmente e a, no seu caso, necesaria intervención do Protectorado da Xunta de Galicia, ten os máis amplos e absolutos poderes para a dirección, administración e representación da Fundación, abarcando cantas facultades sexan necesarias para a realización dos fins fundacionais.

 

ARTIGO 18º.- Delegación de Facultades e Apoderamento.

18.1.- O Padroado poderá delegar facultades en un/ha ou máis dos/as seus/súas membros, agás aquelas que sexan legalmente indelegables.

18.2.- Poderá, así mesmo, conferir poderes xerais ou especiais a calquera persoa ou persoas.

18.3.- Tales delegación e apoderamento, inscribiránse no Rexistro de Fundacións, con expresa mención das facultades delegadas ou atribuídas.

 

ARTIGO 19º.- Clases de Xuntas.

19.1.- As Xuntas de Patróns/as poderán ser Ordinarias e Extraordinarias.

19.2.- O Órgano de Goberno reuniráse con carácter Ordinario polo menos dúas veces ao ano, a primeira dentro dos seis meses seguintes ao peche do exercicio, a efectos de redacción e aprobación do Inventario-Balance, pechado na data do peche do exercicio económico, da Memoria de Actividades e da liquidación do Presuposto de Ingresos e Gastos correspondentes ao exercicio seguinte.

19.3.- A Xunta reuniráse con carácter Extraordinario cando así o acorde o/a seu/súa Presidente/a, ou o solicite calquera dos/as seus/súas membros, expresando na súa solicitude os asuntos a tratar. Neste último caso, a Xunta deberá ser convocada para celebrarse dentro dos trinta días seguintes á data na que, a tal efecto, se lle tivera notificado de maneira fidedigna ao/á Presidente/a; na Orde do Día haberánse incluir necesariamente os asuntos que fosen obxecto de tal solicitude.

 

ARTIGO 20º.- Convocatoria. Xuntas Universais.

20.1.- As Xuntas de Patróns/as, tanto as Ordinarias como as Extraordinarias, haberán de ser convocadas polo/a Presidente/a mediante notificación por correo certificado, con tres días de antelación, polo menos, ao sinalado para a reunión, expresándose no anuncio o día, lugar e hora da mesma, así como a data na que, se procede, se reunirá a Xunta en segunda convocatoria, tendo que mediar polo menos un prazo de vintecatro horas entre unha e outra; o anuncio expresará tódolos asuntos que se teñan que tratar.

20.2.- Non obstante o disposto no parágrafo anterior, poderáse celebrar Xunta de Patróns/as sen necesidade de convocatoria previa se, estando presentes tódolos/as seus/súas membros, aceptan por unanimidade a súa celebración.

 

ARTIGO 21º .- Asistencia ás Xuntas. Dereito a voto. Representación.

21.1.- Teñen o deber de asistir á Xunta con voz e voto tódolos/as seus/súas membros.

21.2.- Cada un/ha terá dereito a un voto.

21.3.- O cargo de Membro do Padroado é indelegable.

21.4.- Poderán concorrer á Xunta, con voz pero sen voto, os/as membros da Comisión Científica e Técnicos da Fundación que o/a Presidente/a do Padroado autorice a tal efecto.

 

ARTIGO 22º.- Quorum.

22.1.- Para a válida constitución das Xuntas de Padroado, sexan Ordinarias ou Extraordinarias, deberán concorrer polo menos a metade máis un/ha dos/as seus/súas membros.

 

ARTIGO 23º.- Constitución da Mesa da Xunta. Deliberacións. Adopción de Acordos.

23.1.- As sesións das Xuntas serán presididas polo/a Presidente/a do Padroado ou, no seu defecto, polo/a Vicepresidente/a ou Patrón/a de maior idade.

23.2.- O/a Presidente/a declarará a Xunta válidamente constituida, someterá á súa deliberación os asuntos que se teñan que tratar, segundo a Orde do Día ou acordo previo nas Xuntas Universais, dirixirá e ordenará o desenvolvemento dos debates, sinalando a orde de intervención e concedendo a palabra a tódolos/as membros, declarará os asuntos suficientemente discutidos, ordenará proceder á votación e, a seguir, proclamará o resultado desta.

23.3.- Os/as compoñentes non poderán absterse de votar ou votar en branco.

23.4.- Os acordos tomaránse por maioría absoluta de votos dos/as presentes na Xunta. As votacións serán sempre nominativas. En caso de empate, dirime o voto do/a Presidente/a.

23.5.- As modificacións estatutarias, os acordos de fusión ou de extinción da Fundación, a designación interina de membros do Padroado, a proposta de nomeamento do/a Secretario/a do Padroado, o nomeamento dos/as membros da Comisión Científica e a súa separación, a delegación permanente de facultades en algún/ha dos/as seus/súas membros, a concesión de poderes a calquera persoa, así como a adopción doutros acordos nos que así se estableza regulamentariamente, requerirán o voto favorable das dúas terceiras partes dos/as asistentes, e que ademais supoña a maioría absoluta do número dos/as membros do Padroado, sen prexuizo das atribucións que teña, no seu caso, a persoa fundadora con carácter exclusivo.

23.6.- Os acordos serán inmediatamente executivos, salvo acordo en contra do propio Padroado.

 

ARTIGO 24º.- Actas e Certificacións.

24.1.- As deliberacións substanciais do Padroado e os acordos tomados faránse constar en Actas extendidas no correspondente Libro e serán asinadas por quen actuara como Presidente/a e Secretario/a.

24.2.- As certificacións de tales Actas e dos acordos da Xunta de Patróns/as serán expedidas polo/a Secretario/a do Padroado co visto e prace do/a Presidente/a ou, no seu caso, por quen os/as substitúan accidentalmente.

 

  

CAPÍTULO II

DO/A PRESIDENTE/A DA FUNDACIÓN.

 

ARTIGO 25º.- O/a Presidente/a da Fundación.

25.1.- O/a Presidente/a da Fundación é o/a encargado/a de dirixir, administrar e representar a Fundación como mandatario/a do Padroado, con plenitude de facultades, sen limitación nin reserva algunha, sen prexuizo das atribucións que lle corresponden ao Padroado con carácter exclusivo.

25.2.- Corresponderálle ao/á Presidente/a da Fundación a representación da Fundación en tódalas relacións da mesma con calquera persoas ou entidades, sexan privadas ou públicas, a Presidencia do Padroado e das súas Xuntas, da Comisión Científica e de calquera outra Comisión ou Comité especial ao que asista, a administración e o goberno ordinario da Fundación, a convocatoria do Padroado e a execución dos seus acordos, salvo que neles se tivera disposto outra cousa.

 

  

CAPÍTULO III

DA COMISIÓN CIENTÍFICA.


ARTIGO 26º.- A Comisión Científica.

26.1.- A Comisión Científica é o órgano de asesoramento e consulta da Fundación.

 

ARTIGO 27º.- Composición.

27.1.- A Comisión Científica estará formada por un número de membros non inferior a tres nin superior a doce.

27.2.- O/a seu/súa Presidente/a será o/a Presidente/a da Fundación, quen poderá delegar en un/ha membro do Padroado.

 

ARTIGO 28º.- Nomeamento e Regulamento.

28.1.- Os/as membros da Comisión Científica serán nomeados/as polo Padroado, a proposta do/a Presidente/a da Fundación.

28.2.- A súa designación non terá carácter indefinido, debendo ser ratificada cada dous anos.

28.3.- Unha vez constituída a Comisión Científica, ela mesma regulará o seu propio funcionamento e poderá crear no seu seo sub-comisións para temas específicos.

28.4.- O Padroado está facultado en todo momento para cesar os/as membros da Comisión Científica.

 

ARTIGO 29º.- Facultades e Competencias.

29.1.- Son facultades da Comisión Científica as seguintes: a emisión de dictames sobre as materias que poidan ser de interese para a Fundación; a cualificación e determinación dos méritos dos/as destinatarios/as dos beneficios da Fundación, segundo o disposto no Artigo 7º. destes Estatutos; a proposta e, no seu caso, organización de actividades; a redacción da Memoria de Actividades para a súa aprobación, no seu caso, polo Padroado; e calquera outras de natureza análoga ás anteriores que lle sexa encomendada polo Padroado ou o/a seu/súa Presidente/a.

 

  

TÍTULO V :

EXERCICIO SOCIAL, CONTABILIDADE E APLICACIÓN DE RENDAS.

 

ARTIGO 30º.- Do Exercicio Económico.

30.1.- O exercicio comeza o 1 de Xaneiro e termina o 31 de Decembro de cada ano. Como excepción, o primeiro exercicio da Fundación iniciouse o día da súa constitución.

 

ARTIGO 31º.- Dos Presupostos.

31.1.- A contabilidade da Fundación axustaráse ás normas de contabilidade xeral e ás esixencias da lexislación fiscal que lle sexan aplicables.

31.2.- Anualmente, o Órgano de Goberno da Fundación formulará un Inventario-Balance pechado na data de peche do exercicio económico, unha Memoria das Actividades realizadas durante o ano e da xestión económica do Patrimonio, e efectuará a liquidación do Presuposto de Ingresos e Gastos do ano anterior, presentando esta documentación ao Protectorado dentro dos seis meses a contar dende o peche do exercicio.

31.3.- O Órgano de Goberno da Fundación formulará tamén o Presuposto de Ingresos e de Gastos correspondentes ao exercicio seguinte, que haberá de presentar ao Protectorado con anterioridade ao inicio do exercicio económico.

31.4.- Os Presupostos extraordinarios haberán de ser aprobados polo Protectorado.

31.5.- Tanto os Presupostos ordinarios coma os extraordinarios deberán ser sempre nivelados, sen que as previsións de gastos excedan nunca ás de ingresos.

 

ARTIGO 32º.- Da Aplicación de Rendas.

32.1.- Á realización do obxecto fundacional destinaráse necesariamente o 80 % das rendas que obteña a Fundación, así como de calquera outro ingreso que non forme parte da dotación da Fundación.

32.2.- Os excedentes dos ingresos que por calquera concepto perciba a Fundación, incrementarán o seu capital.

 

  

TÍTULO VI :

EXTINCIÓN DA FUNDACIÓN

 

ARTIGO 33º.- Extinción da Fundación.

33.1.- A Fundación extinguiráse polas causas previstas legalmente.

 

ARTIGO 34º.- Designación dos/as Liquidadores/as e Normas de Liquidación.

34.1.- Para a liquidación da Fundación observaránse as normas establecidas legal e regulamentariamente.

34.2.- Aos bens ou patrimonio da Fundación resultantes, daráselles o destino predeterminado na Lei.