HISTORIA DE AMOR E FLORES

Se conta que hai uns 135 millóns de anos, a tataravóa do magnolio e da abella confabuláronse, e inventaron as flores e as ás respectivamente. Dende entón, os seus descendentes reproducen unha das historias máis fermosas ("historias de amor e flores"), vitais e enxeñosos procesos que se desenvolven na terra: a polinización. E así, dende o xardín das vosas casas, pasando pola fermosa Ribeira Sacra e ata o último canto do planeta se reproduce cada ano esa fermosa historia.

Pero, para quen son importantes os polinizadores?. Para as plantas? Para os propios polinizadores? Para os seres humanos?. Para a biodiversidade en xeral?.

 

Qué é a polinización?

Mentres recollen alimento, os grans de pole adhírense aos pelos do seu corpo que deste xeito son transportados a outra flor, son os insectos chamados polinizadores (Fig.1)

Podemos definir a polinización como o proceso mediante o cal o pole viaxa dende as anteras (parte masculina) dunha flor ata alcanzar o estigma (parte feminina) desa mesma ou outra flor, en principio da mesma especie 

As primeiras plantas eran polinizadas polo vento, como hoxe o son as gimnospernas. Pero o desenvolvemento de mecanismos de atraccións (olores e cores) ou ben de partes florais comestibles (pétalos, pole, néctar) motivou unha estreita relación con diferentes grupos de animais e entre eles, os insectos.

Cada planta creo o seu método de atracción dun ou múltiples polinizadores. A el, denomínaselle síndrome floral: conxunto de carácteres das flores destinados a atraer a un tipo particular de polinizador.

Estas particularidades poden ser a forma, a cor, o tamaño, a recompensa que obtén o animal, a composición do néctar, o horario en que a flor se abre ou a época de floración. Trátase, polo tanto, da resposta evolutiva ás presións selectivas que tiveron lugar durante milenios.

 

Flores e insectos, unha seducción continua…..

Ao igual que podería pasar entre as persoas, é necesario que a flor que desexa reproducirse teña un 'feeling' especial co animal, polo que as flores zoófilas evolucionaron e se diversificaron en moitas variedades dando lugar ás síndromes florais. Deste xeito as flores adaptáronse xunto cos seus animais polinizadores e viceversa (Fig.3).

A polinización con éxito dunha planta por un insecto require certas condicións. O polinizador debe posuír patróns de comportamento que lle permitan ir en busca de flores de cor, forma e olor similares á recén visitadas. A planta posúe, polo tanto, unha "firma" única nas súas flores ás que responderá un polinizador etológicamente axustado (Fig.4). Por outra parte, o polinizador pode recordar aquelas flores que lle proporcionan maior recompensa (néctar, pole, tecidos florais, aceites, resinas) e en consecuencia, responderá visitando tales flores.

Ademais, debe de existir algún grao de "axuste" morfolóxico entre o polinizador e a flor, de modo que poida efectuarse a polinización. Así por exemplo, moitas orquídeas posúen nectarios ocultos aos que só poden chegar os insectos de tamaño e forma correctos (Fig.5). Desta forma, a distinta lonxitude das pezas bucais dos grupos polinizadores determina que unhas ou outras flores sexan polinizadas por diferentes especies. En consecuencia, os coleópteros (escaravellos) (Figs.6, 7), con aparatos bucais curtos, aliméntanse do pole ou do néctar de flores con nectarios accesibles, mentres que as longas probóscides (Figs.8, 9) dos lepidópteros (bolboretas) lles permiten alimentarse de nectarios situados en zonas profundas da flor. Isto, tan aparentemente sinxelo, determinou modificacións na organización e a forma da flor ao longo da historia das anxiospermas (plantas con flores).

As tendencias evolutivas cara a unha relación máis especializada entre plantas e certos grupos de insectos inclúen: flores hermafroditas, grandes e con moito pole; redución do número de pétalos e sépalos; formación de coroas tubulares ou espolonadas, en cuxa base estean protexidos os nectarios, de modo que só sexan accesibles aos insectos con pezas tubulares alongadas; tendencias a desenvolver flores irregulares, máis doadamente recoñecibles polo insecto; potenciación de coloracións visibles e marcas guía, así como de olores atractivos, que dirixen ao polinizador á fonte do néctar, forzando, de novo, a polinización.

A polinización por insectos e outros artrópodos é un requisito fundamental para o 90% das anxiospermas. Os insectos son organismos especialmente apropiados para polinizar, xa que teñen un tamaño relativamente semellante ao das flores, son moi numerosos e, probablemente a súa maior vantaxe é que son voadores e, polo tanto, moi móbiles. Para unha planta, o uso de transportadores de pole selectivos ten a vantaxe de que evita malgastar grandes cantidades de pole, co conseguinte aforro, en particular de elementos tan prezados para un vexetal como o nitróxeno. Estas interaccións son de grande importancia nas comunidades naturais: sen os insectos como polinizadores, moitas plantas non poderían reproducirse nin producir sementes e sen as plantas que visitar, moitas poboacións de insectos desaparecerían, con efectos en cadea que se ramifican a todo o ecosistema.

 

Importancia dos polinizadores para a biodiversidade

Plantas e polinizadores levan millóns de anos evolucionando xuntos e probablemente constitúen o exemplo máis claro de mutualismo (dise que dúas especies interaccionan de forma mutualista cando ambas as dúas saen beneficiadas da devandita interacción); que se pode observar na natureza. Estas dependencias en beneficio mutuo, ou mutualistas, entre unha especie animal e outra vexetal desempeñaron unha función moi importante na xeración da biodiversidade na Terra.

Hoxe en día sabemos que as especies vexetais que producen flores polinizadas por animais se diversificaron moito máis que as súas primas irmás con flores polinizadas polo vento. As plantas con flor proporcionaron un novo nicho ecolóxico para os insectos, que se diversificaron, o que á súa vez facilitou a diversificación das plantas. Plantas e insectos foron da man e proporcionáronse oportunidades mutuas.

Importancia para os cultivos 

Se un xestor do medio lle preguntase a un científico " Cantas plantas con flores son polinizadas por animais? ", unha resposta honesta por parte do investigador implicaría asumir que non o sabemos".

Na actualidade hai preto de 352.000 especies de anxiospermas descritas e da maioría delas descoñecemos o seu tipo de polinización. Non obstante, en traballos recentes estimouse que o 87.5% desas plantas, unhas 308.000 especies, dependen dos animais para a súa polinización en maior ou menor medida.

En Europa, o 84% de 264 cultivos dependen da polinización animal e máis de 4.000 variedades vexetais existen grazas á polinización das abellas, entre as que se encontran froitas e verduras como por exemplo: kiwis, melóns, sandías, cabazas, cabaciñas, améndoas, mazás, albaricoques, melocotóns, cereixas, aguacates, peras, framboesas, cogombros, amorodos, xirasol, fabas, colza, soia, algodón. A polinización animal aumenta a produtividade e a calidade dos cultivos que dela dependen. Mesmo os que non dependen deste proceso, melloran o seu rendemento e calidade. De feito, estímase que a polinización por insectos incrementa nun 75% os rendementos en froitas e verduras a nivel mundial. É dicir, sen a función dos polinizadores a produtividade dos cultivos diminuiría ata en tres cuartas partes.

 

Importancia para o home 

"Para poder producir froitos e sementes, practicamente todas as nosas colleitas, ou sexa a nosa produción alimentaria, depende da polinización, é dicir dos insectos. Alguén pode imaxinar que lexións de seres humanos farían falta para polinizar todas as flores que dan lugar ás nosas colleitas?. Mentres unha colonia de abellas pode polinizar ao redor de tres millóns de flores nun día, fan falta máis de vinte persoas para polinizar un pequeno horto de mazás 

A maioría dos seres humanos só somos capaces de apreciar un servizo dos ecosistemas (gratuíto) se o valoramos economicamente, se lle poñemos un prezo. Non obstante, como veredes as cifras son tan abafadoras, que vos confeso que a min me superan. Se a algúns de vós vos pasa o mesmo, propóñovos que empecemos utilizando cifras cotiás. Suxírovos que fagades o seguinte exercicio: recordade o voso almorzo, o xantar ou a cea de onte. Probablemente, máis do 30% deses alimentos xorden da relación directa entre os polinizadores e os agricultores 

No ano 2012 xa habitamos no planeta Terra 7.000 millóns de seres humanos, unha poboación que se estima podería alcanzar os 9.300 millóns de persoas a mediados deste século. Pero... quen polinizará os cultivos que farán falta nun futuro para satisfacer as necesidades de tanta xente?

En EUA estimouse que o valor duns 90 cultivos distintos, que dependen da polinización dos insectos para alcanzar unha colleita máxima, é de 17.000 millóns de dólares anuais. En Europa demostrouse que o 84% dos 264 principais cultivos dependen en menor ou maior medida da polinización por insectos. O beneficio económico que achegan aos cultivos agrícolas é moi relevante e estímase nuns 265.000 millóns de euros anuais para a agricultura mundial e uns 22.000 millóns para a europea. Galicia ten algo máis de 2,7 millóns de habitantes, para os que un terzo da súa alimentación diaria depende igualmente dos polinizadores. Segundo informe de Greenpeace (2014) sobre a nosa comunidade no ano 2011, o 76% dos cultivos para consumo directo humano depende en maior ou menor medida da polinización por insectos e que o valor económico destes foi de 130 millóns de euros.

A polinización por insectos é un servizo ecosistémico e tamén unha práctica produtiva amplamente utilizada por agricultores de todo o mundo. Constitúe á súa vez unha ferramenta de xestión na que as abellas domésticas, os abellóns e outras poucas especies de abellas son compradas ou arrendada polos agricultores en moitos países para complementar a actividade dos polinizadores silvestres locais. Os agricultores teñen claro o beneficio económico da polinización animal, existindo xa un mercado ben desenvolvido en EUA e en Europa de aluguer de colmeas de abellas domésticas, e de colonias de abellóns por todo o mundo. Esta práctica, suxire que non hai xa suficientes polinizadores silvestres para asegurar unha polinización axeitada de todos os cultivos que se demandan actualmente.

Ao redor de dúas terceiras partes das plantas cultivadas das que nos alimentamos, así como moitos medicamentos de orixe vexetal que encontramos na farmacia, dependen da polinización que realizan os insectos ou outros animais para producir froitos sans e sementes.

Están en perigo os polinizadores?

Nos últimos anos constatouse un importante declive das abellas melíferas e doutros polinizadores silvestres, algúns deles ameazados de extinción. Calcúlase que a mortalidade das colonias de abellas melíferas en Europa os últimos invernos foi dun 20% de media e nalgúns países chegou ata o 53%. Segundo un informe recente da Unión Internacional para a Conservación da Natureza (UICN), o 46% das especies de abellóns en Europa están en declive e o 24% están en perigo de extinción. Tamén a Axencia Europea de Medio advertía o ano pasado que nas dúas últimas décadas as poboacións de bolboretas se reduciron nun 50%. Esta é unha tendencia preocupante posto que dos insectos polinizadores depende en boa medida a seguridade alimentaria e a biodiversidade no planeta. Máis da terceira parte da produción de alimentos a nivel mundial e preto do 90% da flora silvestre depende deste servizo ecolóxico fundamental.

Neste contexto, o documento apunta que unha das principais ameazas para a súa supervivencia son os cambios nas prácticas da agricultura, o incremento da intensificación das explotacións gandeiras que provocaron perdas a grande escala e unha degradación dos hábitats das abellas. O uso estendido de insecticidas tamén dana as abellas e os herbicidas reducen a dispoñibilidade de flores, das que dependen. O uso dos fertilizantes promove as pradarías de herba homoxéneas, con menos plantas que dan flores e leguminosas, que son fontes de alimento para moitas destas especies. Ao mesmo tempo, o informe apunta que o cambio climático é outro director importante cara ao risco de extinción da maior parte de abellas e en particular dos abellóns. As chuvias intensas, as secas, as ondas de calor e o incremento das temperaturas poden alterar os hábitos polo que algunhas especies individuais se adaptaron á situación e se espera unha redución "dramática" da área do seu hábitat, conducíndoas a un declive poboacional. En total, o 25,8% dos abellóns de especies están ameazados de extinción, segundo o informe.

 

Entomoloxía cultural.

Algo de historia..

Os antigos asirios (800 d c) xa sabían que as flores necesitaban que o pole pasase dos órganos masculinos aos femininos para que houbese polinización e se desenvolvesen os froitos. Existen relevos tallados sobre pedra, algúns dos cales se conservan no Museo Británico de Londres, onde se representa a transferencia de pole dende as inflorescencias masculinas ás femininas, aparentemente en palmeiras datileiras

Na pintura…

 

Lineth Márquez é unha artista plástica panameña cuxas obras se caracterizan polas súas intensas cores e expresións, exaltando o autóctono do seu país Panamá 

 

Na obra da chilena Sofia Izquierdo, encontramos un cadro dedicado á polinización 



Para saber máis...

Greenpeace, 2014. Alimentos bajo amenaza. Valor económico de la polinización y vulnerabilidad de la agricultura española ante el declive de las abejas y otros polinizadores.
Disponible en Internet en: http://www.greenpeace.org/espana/es/Informes-2014/Mayo/Alimentos-bajo-amenaza/ [con acceso el 5.IV.2015]