AS ARAÑAS

Cantas veces oímos, ou pronunciamos, esa exclamación?

Dentro do imaxinario de animais perigosos, as arañas ocupan un lugar destacado. Será pola súa forma estraña e aspecto sixiloso, enigmático e supostamente ameazador. Non obstante, tamén é certo que para moitos de nós as arañas forman parte entrañable das nosas primeiras experiencias de descubrimento da natureza, a observación fascinante da distinta arquitectura das súas redes, máis ou menos aparentes segundo o momento do día, con frecuencia empapadas de orballo nas primeiras horas; o ensaio de alertar o cazador e interromper a súa espera polo rozamento dunha presa botada a destempo na súa trampa elástica. Seguramente o amolar ás pacientes arañas, foi un dos xogos que as criaturas humanas, nos nosos primeiros encontros exploratorios que coa natureza levamos repetindo dende sempre.

É por iso, que hoxe neste artigo e nos que seguirán nas próximas semanas, pretendo romper unha lanza a favor destes fascinantes animais.


Figura 1

Como son..

As arañas teñen lonxitudes corporais que oscilan entre os 0,5 mme os 9,0 cm que alcanzan algúns migalomorfos tropicais, os cales chegan a capturar pequenos paxaros; coas patas estendidas xa que algún destes pode superar os 25 cm. A araña máis grande do mundo é a Theraphosa blondi (Fig. 1), ou a tarántula goliat que pode chegar a medir 30 cm (incluída as patas), ambas as dúas son orixinarias de América.

Figura 2
Figura 3



O prosoma (Fig.2) porta un par de quelíceros, un par de pedipalpos e catro pares de patas locomotoras. Dorsalmente dispoñen os ollos (Fig. 3) e, na cara ventral ábrese a boca. Os quelíceros habitualmente levan glándulas velenosas. Os machos de moitas especies empregan os pedipalpos para cortexar ás femias, en cuxo caso poden ser grandes ou vistosos, e tamén como aparato copulador, que introduce unha bolsa de esperma (espermatóforo) no corpo da femia. O opistosoma (Fig. 2) alberga no seu extremo posterior glándulas sericígenas (produtoras de seda) que se abren ao exterior por uns pequenos mamelóns chamados fileiras (Fig.2). As fileiras producen un fluído que se solidifica ao contacto co aire (o fluído é unha disolución concentrada de proteínas, cuxa estrutura se transforma xusto antes de saír, converténdose nunha forma insoluble que rapidamente se deshidrata e constitúe a fibra de seda).Todas as especies de arañas producen seda e que utilizan para moi variadas funcións: cazar presas e envolvelas nela; como adhesivo doutros materiais de construción de túneles, trapelas, etc. (sobre esta cuestión, ocuparémonos no seguinte artigo).

 

Coñécense moitas arañas ?

Na actualidade tense constancia da existencia de 41.253 especies de arañas en todo o planeta, repartidas en 3.777 xéneros, aínda que o número total de especies existentes é, con alta probabilidade, unhas tres ou catro veces maior do catalogado. Por outra parte, na Península Ibérica e as Illas Baleares coñécense 1.172 especies de arañas distribuídas en 328 xéneros.

 

Alimentación

Figura 4
Figura 5
Figura 6
Figura 7

Voraces e feroces, as arañas adultas son típicos animais solitarios que non dubidan en agredir calquera presa, sen excluír os seus semellantes. Non obstante, esta tendencia non se manifesta nos mozos, que xeralmente son gregarios. Son fundamentalmente carnívoras e aliméntanse exclusivamente de presas vivas, salvo as grandes migalas e licosas dos países tropicais que poden matar e chupar pequenas aves, ratos e pequenos réptiles; e as grandes Dolomedes (Fig. 4), que capturan e devoran pequenos peixes. Presas habituais son os insectos. Aínda cando a maioría das arañas se mostran fortemente eclécticas, algunhas especies distínguense por un réxime especializado. Así por exemplo, Eresus níger (Fig.5) inxire fundamentalmente coleópteros do xénero Asida. Os Zodarion (Fig.6), parecen alimentarse exclusivamente de formigas. Algúns xéneros de Disdéridos aliméntanse principalmente de isópodos; as especies do xénero Scytodes (Fig.7) aliméntanse de pececillos de prata (Lepisma) aínda que, en catividade, poden alimentarse doutros artrópodos e as especies do xénero Mimetus son cazadores especializados doutras arañas.

O xeito de capturar as súas presas é moi variado. A maioría dos Licósidos cazan á carreira, abalánzanse sobre os pequenos animais que o azar coloca no seu camiño. Os Saltícidos (Fig. 8, 9) imitan en certo modo aos felinos: axexan as súas vítimas e despois saltan sobre elas. A maioría dos Tomísidos (Fig.10) cazan ao axexo acazápanse baixo os capítulos das flores compostas e agarran aos insectos que van libar. As arañas sedentarias utilizan as trampas máis diversas: tubos (Atípidos) (Fig.11), redes (Theridiidos), manteis (Agelénidos) (Fig.12) ou teas xeométricas dunha marabillosa arquitectura (Argiópidos) (Fig.13).

Figura 8
Figura 9
Figura 10
Figura 11
Figura 13
Figura 12

 

Onde viven……

Algunhas viven en buratos escavados no chan ou en ocos da madeira seca, forrados coa seda que fabrican, axexando presas que deambulan sobre a superficie; outras mimetizar se nas flores (Fig.10), esperando ao polinizador descoidado, as máis populares esperan a caída na rede de insectos que se moven no aire, e algunhas destas últimas asócianse con frecuencia á vivenda humana. Argyroneta acuatica (Fig. 14), é a única araña que pasa case a totalidade da súa vida baixo a auga. Destaca pola campá de aire que forma baixo a auga, a constrúe cunha lámina de seda que está adherida á vexetación submarina e a chea de aire mediante burbullas de aire que transporta dende o seu abdome e as patas posteriores dende a superficie.


Figura 14

Comportamento

A investigación do comportamento das arañas é un campo de grande interese. Aínda que a súa capacidade de aprendizaxe é modesta, fan gala dunha gran variedade e complexidade de comportamentos instintivos, sobre todo no referente ao cortexo e apareamento, ao coidado parenteral e á construción de teas. O coidado parenteral, a atención activa á proxenie, observouse en distintas arañas. Así por exemplo, os licósidos (Fig.15) portan os ovos, encerrados ou non nun botón, e coidan os individuos xuvenís ata que estes alcanzan o desenvolvemento suficiente para capturar presas. Coñécense algúns casos de suicidio maternal, nos que as novas arañas obteñen do corpo da súa nai o primeiro alimento.

Figura 15
Figura 16

Algunhas arañas, como o xénero cosmopolita Argyrodes (familia Theridiidae), son cleptoparásitas (rouban a outras arañas as súas presas) manténdose ao axexo nas súas teas. As especies do xénero Mycaria (familia Gnaphosidae) (Fig. 16) practican o mimetismo das formigas, non só polo seu aspecto, senón polas súas actitudes, levantando as patas anteriores ata a posición dunhas antenas. O mesmo fai Sunpunna picta, que imita os movementos dunha avespa.

Se encontras unha araña, non a mates. Quédalle moito traballo por facer......

É posible que a primeira parte do fragmento da conversa que tiven no despacho dunha boa amiga, a oísedes ou manifestásedes nas vosas casas: -....

        - Teño que pedir que me limpen todas esas arañeiras..

 

        - Non o fagas..déixaas...

 

        - Por qué ?

 

        - Achégase a primavera... por esa ventá entrarán moitas moscas... mosquitos... Esas arañas, farán que teñas moitos menos "visitantes" e non terás que utilizar aerosois...

 

      ................

As arañas teñen unha importancia vital para o medio. Cumpren un papel esencial para o mantemento do equilibrio natural, xa que son unhas voraces depredadoras dentro da escala na que se moven. Comen moitos insectos, máis pequenos, e que poderían converterse en verdadeiras pragas se non caesen nas redes para servir de comida aos arácnidos. Pero, como acontece a miúdo, o home interfire no funcionamento da natureza para mal. Segundo os investigadores Samuel Prieto-Benítez e Marcos Méndez, a abundancia e o número de especies de arañas están a diminuír a causa dalgúns usos humanos do terreo. En especial, o tratamento que sofren os sistemas agrícolas e pasteiros por parte dos homes está a afectar gravemente ás arañas. Outro dos beneficios que poden producir as arañas é a rexeneración dos bosques. Mesmo, tras un incendio, aínda que as especies autóctonas morran polo lume, deseguida hai outras arañas que acoden ao bosque queimado e que comezan a "traballar" para a súa rexeneración. De feito, o primeiro que encontraron os exploradores despois da desvastadora explosión do volcán Krakatoa, en 1883, foi unha araña.

 

Detectores de contaminación ambiental ?

A arañeira ten un truco que descoñeciamos ata agora. Estas laboriosas tecedoras impregnan os fíos cunha substancia condutora que converte a arañeira nunha trampa electrostática. Investigadores da Universidade de Oxford acaban de publicar un estudo no que analizan estas propiedades das arañeiras e propoñen utilizar un sistema similar para atrapar contaminantes atmosféricos de forma barata.

O equipo de Fritz Vollrath estudou con detalle as estruturas construídas pola araña de xardín europea (Araneus diadematus) e comprobou que a carga eléctrica das arañeiras lle permite atrapar pequenas partículas do ambiente, como pole, aerosois e, por suposto, insectos. Por un principio físico moi sinxelo, afirman, é a propia arañeira a que se move cara aos obxectos, independentemente de que estean positiva ou negativamente. Isto explica por que recollen partículas con tanta eficiencia, insisten, e por que atrapan tantos insectos.

Vollrath propón utilizar as arañas de xardín como detectores da contaminación ambiental, dada a capacidade destas arañeiras para recoller partículas do ambiente. "A atracción eléctrica arrastra estas partículas ata as redes", asegura, "de modo que poderiamos recollelas e utilizalas para monitorizar os niveis de contaminación para detectar, por exemplo, pesticidas que poderían estar a danar ás poboacións de abellas".

 

Dereitos de imaxe, patentes, produtos e servizos....

Se algún de nós puidese ter algún dos dereitos sinalados previamente, asegúrovos que nos relacionariamos na lista Forbes, con personaxes tales como Amancio Ortega ou Bill Gates. Veremos algúns exemplos hoxe e nas próximas semanas, sobre a utilización das arañas nalgunhas das distintas manifestacións culturais e, a partir delas, vós mesmos deduciredes os enormes servizos que estes animais poden prestar, ademais dos xa indicados previamente.


Figura 17

Na mitoloxía

As arañas tomaron parte en fábulas mitolóxicas dende tempos inmemoriais ao longo de todo o mundo. Esta presenza en numerosas culturas está relacionada sen dúbida coa distribución cosmopolita dos arácnidos. No antigo Exipto, as arañas estaban relacionadas coa deusa Neith na súa faceta de fiadora e tecedora de destinos. Este nexo continuou posteriormente coa deusa babilónica Ishtar e a grega Atenea.

Nunca un animal foi tan repudiado e temido; non obstante, a poética visión grega destes bichos, converteunos nos sucesores da que quizais é unha das máis acertadas fábulas da mitoloxía. A lenda antiga máis famosa de todas é a historia que conta a competición que levaron a cabo a deusa grega Atenea e a princesa Aracne. Aracne foi unha gran tecedora que alardeou de ser máis habilidosa que a divina Minerva, equivalente romana de Pas Atenea, deusa da artesanía e a sabedoría. Minerva, ofendida, entrou en competición con Aracne, pero, segundo conta Ovidio, non puido superala. Ademais, o tema elixido por Aracne, os amores dos deuses, foi ofensivo, e Minerva transformouna nunha araña(Fig.17).

Na mitoloxía dos pobos nativos americanos, a araña encóntrase de novo na lenda do nacemento da constelación Osa Maior. Segundo esta lenda, sete homes transformáronse en estrelas e subiron ao paraíso trepando por unha tea de araña desenrolada.

 

Na arte

Figura 18
Sen dúbida un dos lugares nos que a arte parietal mesolítica foi ben estudada é o Levante Ibérico. Na devandita zona, descubriuse a fermosa escena da recolección do mel da Cova da Araña (Valencia)

Figura 19
A historia de Aracne inspirou un dos cadros máis interesantes de Velázquez: A fábula de Aracne, coñecido popularmente como "As fiandeiras", no que o pintor representa dous dos momentos importantes do mito.

Figura 20

Simon reúne arañas e alóxaas no seu estudo, onde estas tecen entre varas de plástico. Cando as arañas conclúen a súa tarefa, devólveas ao seu hábitat natural. Logo procede a pintar as arañeiras.

Figura 21
Imaxe cedida por A. Romero. Tomada en Tokio

A araña Maman (Mamá), de case 10 m de altura pesa máis de 10Tn. É unha escultura en bronce, mármore e aceiro inoxidable da escultora e artista francesa naturalizada estadounidense Louise Caroline Bourgeois (1911-2010).