CARACOIS E BABOSAS

 Os caracois e as babosas en pequena cantidade poden mesmo resultar beneficiosos para o horto pola súa achega ao chan de calcio orgánico a través das súas babas, pero poden resultar un problema cando a súa presenza é abundante ou cando se dedican a arrasar os nosos viveiros. Neste caso é necesario exercer un control sobre as súas poboacións.

O primeiro é saber algo sobre estes animais. Unha das súas características é que necesitan manter a súa pel húmida constantemente o que, moi especialmente no caso das babosas, os fai buscar zonas húmidas e sombreadas para gorecerse dos raios solares. Esta é a razón pola que van desaparecendo ao despuntar o día.

Para combatelos unha primeira solución sería potenciar os seus inimigos naturais que non resulten prexudiciais para os nosos cultivos, como poden ser os sapos, os parrulos, as galiñas, os ourizos....

Outra solución pode ser proporcionándolles un acubillo contra os raios do sol, simplemente colocando unhas tellas no noso horto para que se refuxien alí, ao amañecer, para logo proceder á súa recollida directa e botárllelos ás galiñas.

Tamén poderemos eliminalos con trampas, como a consistente en enterrar, ao rentes co chan, frascos de colo ancho, cheos de cervexa, que as atrae e nas que se afogan.

Un xeito efectivo de protexer o noso viveiros consiste en utilizar as cascas de ovo, secas e esmagadas en pequenos anacos. Repartirémolos en franxas en torno á zona a protexer e ao pasar sobre eles as babosas ou os caracois quedarano pegados, e morrerán. Tamén resulta moi efectivo o sal, aínda que haberá que utilizala con moderación para non agredir ao medio.