CÓMO ORGANIZAR UNHA HORTA EN ESPIRAL

 

Neste apartado presentamos unha pequena horta na que iremos explicando, paso a paso, cómo preparala para que resulte sinxela de manter pero de gran productividade.

En primeiro lugar, direivos que optei pola forma en espiral que se observa na fotografía por dúas razóns: a primeira, que ofrece maior variedade de microclimas ca unha horta configurada por bancais rectos, e isto é moi importante para unha produción intensiva, orgánica e estable; e a segunda, porque me gusta a horta-xardín, ou xardín comestible, e non cabe a menor dúbida de que as formas redondeadas resultan máis estéticas cás rectas que, por outro lado, tanto escasean na Natureza. O trazado da horta en espiral é moi sinxelo. Vouvos explicar cómo o fixen, pero primeiro tendes que decidir o ancho que lle queredes dar aos bancais; na nosa horta optamos polos 120 cm. tradicionais, que son unha medida que permite acceder con comodidade dende ambas as partes.

Tamén debemos decidir o ancho do corredor entre bancais; polo xeral, abonda cuns 40 cm., xa que permiten utilizar a carretilla, aínda que axustadamente; por outro lado, este ancho vén coincidindo co do angazo que utilizamos.

Unha vez decididas as medidas anteriores, imos realizar un pequeno cálculo matemático. O ancho de cada banda (bancal + corredor) será de 160 cm. (120 do bancal + 40 do corredor). Pois ben, lembrades a fórmula para calcular a lonxitude da circunferencia?; por se a alguén lle esqueceu, vouvola recordar: Lonxitude = 2 x π x r.

A lonxitude resultante é 160 cm., xa que é o que queremos desenvolver en cada círculo, e o número π ten un valor de 3,14.
Con estes datos poderemos coñecer o radio. Será:

r (radio) = Lonxitude / 2 x 3,14,

é dicir: r = 160/6,28 = 25,48 cm.

Agora fixo o punto central da horta, e espétolle unha estaca.

Tomando a estaca como centro, trazamos sobre o chan un círculo co radio previamente calculado de 25,48 cm. Unha vez debuxado o círculo, marcámolo chantando sobre él unha serie de estacas, cantas máis mellor xa que isto nos vai permitir unha maior precisión no trazado.

 

Agora imos debuxar a nosa espiral. Atamos unha corda na estaca do centro e enrolámola arredor do círculo de estacas no sentido das agullas do reloxo; cada volta que deamos vai equivaler a un desenrolo de 160 cm., tal como calculamos anteriormente. No extremo da corda atamos un pao e procedemos a ir desenrolando a corda ao tempo que, coa punta do pao, ou cunha bolsa furada chea de cal ou area como facemos mestas imaxes, imos debuxando sobre o chan, obtendo unha espiral perfecta cunha separación entre liñas de 160 cm. exactamente (a lonxitude exacta do diámetro do círculo marcado coas estacas arredor do eixe central).

 

A continuación, imos seguindo esta liña cun angazo de 40 cm., marcando sobre o chan o ancho que vai ocupar o corredor. Deste xeito tan sinxelo, imos ter debuxados sobre o terreo o corredor e os 120 cm. do bancal.

 

Na imaxe temos dos carreiros: o estreito será o camiño (40cm.) e o máis ancho o bancal (120cm). Confío en que non teñades ningunha dúbida, pero, se non fose así, enviádeme unha nota e aclararéivolo.

 

BANCAIS

Agora xa podedes preparar os bancais sobre o debuxo. Ao estar xa debuxada a espiral sobre o terreo, só me queda afrouxar a terra, e como esta é una operación que xa non imos ter que repetir nunca máis, debemos aproveitar para retirar pedras grandes que poidan estorbar (as pedras pequenas son necesarias para estruturar o terreo e tamén como fonte de minerais). Unha vez feito, procedo a rebaixar o camiño, uns 12-15 cm. coa axuda dunha azada, e vou colocando a terra extraída sobre o bancal.

 

 

A terra do camiño vaise colocando sobre o bancal e vai axudar a levantalo sobre o nivel do chan.

 

 

A razón de rebaixar lixeiramente o camiño é evitar o asolagamento do bancal. Como resultado, teremos un bancal cunha elevación duns 15 cm. sobre o camiño que o circunda.

Nos camiños colocamos palla, ou restos de coníferas, como no noso caso (que tardan moito en compostar) e axudan a manter a humidade e ter o camiño seco no inverno, e con menos herbas competidoras. O seguinte paso, como podedes mirar na foto superior, é colocar a rega, nesta caso por goteo. Una vez rematado o traballo, esta primeira vez convén cubrir os bancais con esterco (eu utilizo esterco de ovella ecolóxico) e finalizar recubrindo todo con follas variadas (castiñeiro, carballo, etc.); se non as temos, pódese facer a cobertura con palla (coidado, que poden levar moitas sementes) ou con herba seca. En poucos días estará en condicións óptimas para plantar. Logo deste estercado inicial, en adiante imos fertilizar conforme as necesidades das nosas plantacións.

 

ROTACIÓNS

Unha vez que a espiral está terminada, fertilizada e coa cobertura de follas, ímola deixar repousar algúns días para que se inicie a actividade dos organismos vivos do solo e a terra se vaia estruturando. Se deixades unha pequena zona sen fertilizar e sen cobertura, logo duns poucos días poderedes observar a marabillosa transformación que ocorre na zona recuberta de follas, o que evidencia o labor dos microorganisos do solo. O seguinte paso será redefinir sobre o bancal diferentes zonas que nos permitan ordenar as plantacións e as rotacións, que realizaremos cada catro anos.

 

Os bancais podense separar por tramos de igual lonxitude mediante pedras, plantas, ou estacas e xa podemos sementar. No caso da imaxe superior protexemos as plantas recén trasplantadas con fentos, para reducir a stress polo día que tivemos de forte calor.

No centro da espiral de bancais situaremos unha espiral de plantas aromáticas, estanque incluido, e seguidamente dibuxaremos sobre a espiral de cultivo tramos de igual lonxitude que serán os bancais de cultivo e sobre os que aplicaremos as rotacións. Irán alternando e, como a espiral é cada vez máis aberta, non coincidirán xuntos bancais do mesmo número.

 

No dibuxo utilízase a seguinte clave.

Azul = bancal 1

Vermello = bancal 2

Verde = bancal 3

Amarelo = bancal 4

Observade que para que non quedaran dous bancais do mesmo número enfrontados cambiei a orde dos mesmos; a secuencia de fora a dentro é 1-2-3-4 1-2-3-4 1-3-2-4. Pódeses xogar tamén cos tamaños.

Para marcar estas divisións eu utilizo taxetes que, ademais de engadir unha nota de cor aos cultivos, axudan a protexelos xa que a través das súas raíces segregan un fitocida moi potente para loitar contra eses vermes grises que dan conta das nosas leitugas e outros cultivos a base de mordedelas no colo, xusto alí onde arrinca a raíz. Para facilitarnos as labores, podemos abrir un camiño a través dos bancais que leve directamente ao centro da espiral; deste xeito non teremos que dar moitas voltas cada vez que queiramos acceder a unha zona interior. A espiral branca representa o camiño.

O que planto o primeiro ano na zona azul, o segundo plantareino na vermella, o terceiro na verde e o cuarto na amarela. Despois desta rotación de catro anos, volvo a empezar.

 

 Esta espiral pódese ampliar canto sexa necesario.