A qué chamamos AGRICULTURA TRADICIONAL SA?

O concepto de agricultura biolóxica nace como unha reacción social fronte á industrialización do sector agrícola e a manipulación do consumo.

Non se trata dun retroceso, nin dunha volta ao anterior, como se intenta propagar dende diferentes sectores interesados, senón que básicamente se trata de aproveitar o moito que de bo tiñan os métodos agrícolas tradicionais, actualizándoos, e integrándoos nunha estreita relación coa natureza.

 

A AGRICULTURA INDUSTRIALIZADA

A agricultura industrializada baséase fundamentalmente no monocultivo e a destrución sistemática da terra pola utilización masiva de todo tipo de velenos (insecticidas, aboamentos químicos, herbicidas...) que, ademais, son unha das máis importantes fontes de contaminación difusa que sofre o planeta. A agricultura industrializada, tamén coñecida como agroquímica, en mans de grandes multinacionais, pretende o control do sector primario, como un xeito de dominar o mundo.
Nesa mesma liña de control interprétase o desenrolo dos OMX.

As consecuencias dramáticas da aplicación da agricultura industrial saltan á vista: máis de 45.000 campesiños morren ao ano envelenados pola utilización masiva de substancias químicas altamente perigosas, moitos outros miles sofren graves lesións, poboacións indíxenas sumidas na miseria, a crecente desaparición de sementes autóctonas..... e un ataque directo á nosa saúde.

No mundo desenrolado a maioría dos consumidores acudimos ás grandes áreas para abastecernos de alimentos, pero unha simple inspección daquelo que se ve, e do que non se ve mostra a presenza masiva de substancias químicas (colorantes, conservantes, saborantes, edulcorantes... moitos dos cales se sabe que son potentes canceríxenos, e se non se sabe máis é porque non se quere investigar), móstranos, ou debe mostrarnos, a orixe desa produción, pero non se nos dan datos das condicións en que foi obtida, nin se nos di que co diñeiro de todos (diñeiro público) amplíanse portos e estradas para facilitar a distribución de alimentos por todo o pais favorecendo unhas poucas empresas que, ademais, arruinan a agricultura local.

Como consumidores, cando entramos nese xogo, convertémonos en cómprices necesarios deses abusos.

   

Podemos afirmar que a agricultura industrializada ten varios efectos negativos:

Sobre o gasto enerxético, ao efectuar demasiadas labores, consumir moito en transporte, incrementar a actividade gandeira (é menos eficiente), incrementar os gastos de produción en fertilizantes e biocidas, ou incrementando os gastos en irrigación.

Sobre a biodiversidade. Un exemplo moi ben estudado é o caso de Francia onde en 1900 existían máis de 4.000 variedades de mazás, que hoxe se ven reducidas a unhas 10. E todos coñecemos o desastre que están a sofrir as nosas variedades na Galiza.

Sobre a saúde, tanto humana coma do planeta, incrementando os gastos sanitarios ou de produción de medicamentos.

Sobre a sociedade ao favorecer aos ricos a custa de empobrecer grandes masas de poboación.

Sobre o aire, ao desprender, entre outros, óxido nitroso procedente dos aboamentos nitroxenados solubles que na estratosfera reaccionan coa capa de ozono.

Sobre a auga polo uso de nitratos, fosfatos e insecticidas organoclorados, que están a facer desaparecer as reservas de auga potable.

Sobre o chan destruíndo o complexo humus-arxila, favorecendo a erosión, salinizando os terreos de cultivo por contaminación química e favorecendo a desertización.

 

AGRICULTURA SÁ PARA TODOS

Creo que os consumidores debemos, é máis, creo que temos a obriga de preguntarnos que hai detrás dos alimentos que nos venden. A obtención de alimentos sas é unha das metas dos métodos alternativos da agricultura biolóxica.

 

Existen diversos métodos:

  • Método biorgánico, que propugna que o natural debe ser o modelo a seguir, incluíndo nel os seus ritmos, o conxunto do planeta e os ecosistemas vexetais.

  • Método biolóxico-dinámico, que é un desenvolvemento do método anterior pero que considera a presenza de enerxías máis sutís que actúan entre as plantas, as persoas, os animais, os minerais e os astros.

  • Método orgánico ou biolóxico, que considera que se debe establecer un equilibrio co ámbito, integrándose nel, non utilizando ningunha substancia química de síntese.

  • Método de agricultura tradicional sa (o que na FGV denominamos ECOagricultura), que propugna unha agricultura libre de substancias de síntese, dentro dun sistema holístico universal, pero que integra dúas novas consideracións:

    • 1ª- SOBERANÍA ALIMENTARIA, entendendo como tal o dereito de todos os pobos a producir os seus propios alimentos, libres de transxénicos, e en consecuencia propoñendo a utilización de sementes tradicionais e a venda maioritariamente local, ou próxima ao lugar de produción, para reducir gastos de transporte, contaminación, unha mellor repartición de riqueza....

    • 2ª- CONTIDO SOCIAL que propugna que os agricultores perciban un salario xusto polo seu traballo e que este se realice en condicións saudables.